A Quinta do Cuadrante presenta o 7 de marzo en Viveiro, no Teatro Pastor Díaz, "Empapelado amarelo".

A Quinta do Cuadrante presenta este sábado, 7 de marzo, ás 20:30 horas, no Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, a obra Empapelado amarelo.

Trátase dun espectáculo teatral unipersoal que parte do relato autobiográfico homónimo, publicado en 1891 pola autora norteamericana Charlotte Perkins Gilman. Narra, en primeira persoa, as perniciosas consecuencias dun tratamento médico que lle fora prescrito por un coñecido doutor da época para combater o estado melancólico e depresivo no que se atopaba a raíz do nacemento da súa primeira filla. Este tratamento, consistente na eliminación de todo tipo de actividade intelectual e artística, remata por converterse nun cárcere onde ela, acostumada a unha intensa actividade social e artística, acabaría por achegarse ao límite da súa cordura.

A autora utiliza as claves do relato de terror gótico para denunciar os mecanismos de represión propios do heteropatriarcado sobre as mulleres da súa época. Rebélase así contra as convencións do momento, apostando por unha radical liberación da muller do xugo masculino e unha defensa da necesidade de conformarse como suxeito de pleno dereito.

A obra é unha adaptación de Tito Asorey, quen a dirixe, e Melania Cruz que a interpreta.