A quinta edición dos Cantos de Taberna, que organiza o Concello de Ribadeo, terá lugar o 21 de marzo. Os grupos poden inscribirse ata o 17.

A quinta edición dos Cantos de Taberna, que organiza o Concello de Ribadeo, terá lugar o 21 de marzo. Os grupos interesados en participar poden inscribirse ata o día 17, ao igual que os locais que desexan adherirse a esta iniciativa, que foi presentada hoxe polo concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso. 

O edil dixo que “desde a Área de Turismo e a Área de Educación do Concello presentamos a V Edición de Cantos de Taberna, que se desenvolverá o 21 de marzo do 2020 a partir das oito da tarde”.

Pablo Vizoso subliñou que “en Ribadeo gústanos tanto cantar que temos unha celebración expresa: os Cantos de Taberna. Esta tradición vén de moi antigo, pois era moi típico ver polos locais ribadenses a grupos de amigos/as cantando os éxito do momento, cancións galegas, boleros, habaneras e outras melodías tabernarias emocionantes e intensas, algúns de cuxos ritmos veñen do outro lado do Atlántico, traídos á volta da emigración. Os Cantos de Taberna en Ribadeo nunca desapareceron e a mellor forma de gozar deles é a través desta nova edición que organiza o Concello de Ribadeo”.

O concelleiro de Turismo anima “a sumarse a esta actividades aos veciños e veciñas de toda a comarca, para participar e disfrutar dunha noite con tradición, unha boa ocasión para estar coas amizades e percorrer Ribadeo ao son da mellor música”. 

Vizoso Iglesias explicou que “para os grupos interesados en participar nesta edición o prazo de inscrición estará aberto ata o 17 de marzo. As bases estarán publicadas na páxina web do Concello e nelas recóllese, como vén sendo habitual, as seguintes particularidades: os grupos participantes estarán formados por un mínimo de 5 persoas e un máximo de 10, que irán acreditadas de maneira visible. A participación no concurso estará limitada a 15 grupos. Cada grupo percorrerá o itinerario que a organización lle marque, non podendo realizar actuacións noutros locais de hostalería que non lle fosen asignados. Cada grupo dispoñerá de 30 minutos de actuación en cada local. O repertorio será de libre elección, preferentemente con temas populares e tradicionais, incluíndo algunha obra de arraigamento ribadense, que poderán variarse ao longo do percorrido. E cada grupo poderá achegar, xunto coas voces que serán obrigatorias, instrumentos musicais que os acompañen. As bases tamén indican que cada grupo disporá dun pasaporte, que selarán en cada establecemento e que será o único medio acreditativo de ter realizado o percorrido. Os integrantes de todos os grupos quedarán convidados a unha cea/pincheo conxunta que terá lugar ese día ao remate do mesmo. A inscrición nos Cantos de Taberna é gratuíta e realizarase a través da seguinte dirección de correo electrónico: turismo@ribadeo.org ou chamando ao seguinte número de teléfono 982 128 689. Os participantes deberán achegar a ficha de solicitude dispoñible en na sede electrónica da páxina web do Concello”.

O concelleiro ribadense engadiu que “en canto aos establecementos que desexen adherirse ao evento deberán poñerse en contacto coa oficina de turismo de Ribadeo a través do email turismo@ribadeo.org ou o teléfono 982 128 689. Neste caso o límite de prazo para presentar as inscricións será tamén o 17 de marzo. Como en edicións anteriores os establecementos participantes deberán convidar aos integrantes dos grupos a unha consumición básica (viño, cervexa, refresco, auga ou similares)”.