Raquel Queizás ofrece o seu espectáculo de narración oral "Soñadora das árbores" en Alfoz o 30 de setembro.

Raquel Queizás ofrecerá o seu espectáculo de narración oral titulado ‘Soñadora das árbores’ este sábado, 30 de setembro, ás 19:00 horas no salón de actos da Casa de Cultura de Alfoz. É para todos os públicos.

Ese mesmo día de 17:00 a 19:00 horas na biblioteca pública municipal de Alfoz terá lugar o obradoiro Pinga a Pinga, “para coñecer máis sobre a auga e o seu coidado a través de vídeos, manualidades e dinámicas de grupo”.

Está organizado polo Concello de Alfoz, que explica: “Soñadora das árbores, chamábanlle así desde pequena porque sempre estaba na póla. O que máis lle gustaba era perderse no monte para escoitar as historias que contaban as árbores senlleiras, as árbores nai. Ata que un día pedíronlle axuda!! Non o dubidou un intre, empoleirouse no vello carballo para evitar que o tallaran. E cambioulle a vida... Só comunicándonos máis intensamente coa natureza, podemos ser capaces de comprendela, respectala e ao mesmo tempo valorar todo o que nos ofrece para crear un mundo máis transitable e saudábel. ‘Soñadora das árbores’ é un espectáculo de narración oral baseado nunha historia real e en lendas de diferentes culturas que exploran a relación entre as persoas e a natureza”.