Redrum Teatro presenta a obra #2Pilgrims en Burela este venres, 15 de marzo

Redrum Teatro presenta a obra titulada #2pilgrims, con Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo, en Burela este venres, 15 de marzo. Será na Casa da Cultura ás 21:00 horas e as entradas teñen un prezo de 4 euros.

O Concello de Burela explica que é “unha comedia chea de sorpresas e momentos hilarantes que ten como obxectivo achegar, a través do humor, unha fonda reflexión sobre a igualdade e as novas masculinidades”.
 
“Queremos convidar ao público novo a reflexionar sobre o machismo que impregna a nosa sociedade”, sinalan dende a compañía. Por esta razón a obra forma parte da programación do Concello de Burela polo Día da Muller.

Redrum Teatro foi creada no ano 2009 por mozos e mozas procedentes do sector audiovisual e nace coa clara intención de ofrecer alternativas creativas que axuden ao desenvolvemento da industria teatral galega.