Representantes autonómicos e provinciais visitaron o recinto do Resurrection Fest, que se celebra esta semana, do 1 ao 4 de xullo, en Viveiro

Representantes da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo visitaron este luns, 29 de xuño, o recinto do festival Resurrection Fest, evento que se celebra esta semana, do mércores 1 ao sábado 4 de xullo en Viveiro.

A Deputación de Lugo explica que a presidenta, Carmela López, xunto aos socios responsables do festival, os irmáns Iván e David Méndez, e o resto de colaboradores asistiu este luns en Viveiro á presentación e visita ao recinto do Resurrection Fest, que arrinca este mércores e que se prolongará ata o sábado. A institución provincial anuncia que “renova o seu patrocinio cunha das grandes citas internacionais da música hardcore, metal e punk cunha aportación económica de 150.000 euros, consolidando así unha colaboración que se mantén desde os seus inicios. Levamos máis de 20 anos convertendo a Viveiro na capital da música hardcore en Europa”, avanzou Carmela López.

A presidenta felicitou aos organizadores pola traxectoria do festival e a súa capacidade de transformación do territorio poñendo en valor o crecemento sostido dun evento que “naceu do soño dun grupo de mozos e que hoxe é un referente das principais bandas internacionais. Hai dúas décadas, un grupo de rapaces soñaba con traer a Viveiro as bandas que admiraban e hoxe son esas mesmas bandas as que inclúen Viveiro nas súas xiras”, subliñou.

A mandataria provincial puxo o foco na importancia do festival como motor económico e de proxección exterior para a provincia, sinalando que “o Resurrection Fest é un exemplo de colaboración institucional e de como a cultura pode xerar actividade económica, emprego e dinamización do territorio, especialmente en sectores como a hostalería, o comercio e os servizos”. Así mesmo enmarcou o apoio da Deputación nunha estratexia de turismo sostible e de experiencias, “que contribúe a dinamizar a Mariña e o conxunto da provincia, situando a Lugo como un destino conectado coas novas xeracións”, e lembrou ao alcalde viveirense Melchor Roel, “pois a súa figura foi clave na orixe deste proxecto que hoxe sitúa a Viveiro no mapa internacional da música”, recalcou López.

A Deputación de Lugo tamén destaca que esta edición do festival “reunirá arredor de 100 bandas internacionais e prevé a asistencia de preto de 140.000 persoas durante catro días, con público procedente de máis de 40 países. O recinto do campo de fútbol de Celeiro contará con catro escenarios e ata 12 horas diarias de programación musical, consolidando o evento como un dos grandes festivais europeos do seu xénero. Entre os nomes máis destacados do cartel figuran Iron Maiden, Marilyn Manson, Limp Bizkit, Anthrax, A Day To Remember, Trivium e Sabaton, entre outros. Ademais manteranse iniciativas singulares como as vodas dentro do festival, que xa superan as 1.500 persoas inscritas, un dos elementos máis característicos e mediáticos do evento a nivel internacional”.

E a Xunta de Galicia anuncia que “a mellor música de alta intensidade volverá soar en Galicia coa celebración do Resurrection Fest Estrella Galicia, que terá lugar en Viveiro do 1 ao 4 de xullo. O festival, integrado na programación dos Concertos do Xacobeo, celebra este ano a súa 21ª edición consolidado como un dos principais eventos de rock, metal, hardcore e punk de Europa”.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou o recinto do festival para comprobar os traballos de montaxe dunha cita que “volverá converter Viveiro e a Mariña Lucense nun dos grandes epicentros musicais do continente. Ao longo de catro xornadas máis de 90 bandas actuarán en catro escenarios nun cartel que reúne algunhas das figuras máis relevantes da música internacional. Entre os nomes destacados desta edición figuran Iron Maiden, unha das bandas máis influentes da historia do heavy metal; Marilyn Manson, unha das figuras máis recoñecibles do rock internacional; Sabaton, referente do metal europeo contemporáneo; Mastodon, Trivium, Testament ou Anthrax, ademais de actuacións exclusivas en España de grupos como Limp Bizkit, A Day To Remember, P.O.D., Blood Incantation, Converge ou Man with a Mission”.

Durante a visita, Marcos Gómez Román destacou que “o Resurrection Fest exemplifica á perfección o papel dos Concertos do Xacobeo como ferramenta para posicionar Galicia nos grandes circuítos internacionais da música en directo”. Neste sentido, lembrou que “a través desta marca impulsada pola Xunta apoiamos eventos capaces de atraer visitantes de todo o mundo, xerar riqueza nos territorios e reforzar a imaxe de Galicia como destino cultural moderno, dinámico e de calidade”.

Ademais a Xunta de Galicia destaca que “tras acadar en 2025 a edición máis multitudinaria da súa historia, con 141.376 asistentes procedentes de máis de 40 países, o Resurrection Fest afronta esta nova convocatoria coa previsión de manter cifras similares de participación”.

O comisario do Xacobeo 2027 salientou: “falamos dun evento que transcende o ámbito musical para converterse nun auténtico motor económico e turístico para Viveiro e para toda a Mariña Lucense”. Lembrou que o festival “xera cada ano unha ocupación practicamente completa da capacidade de aloxamento da contorna, ademais dun importante impacto na hostalaría, o comercio, os transportes e os servizos. Segundo os datos da pasada edición, o impacto económico do Resurrection Fest situouse entre os 20 e os 30 millóns de euros e contribuíu á creación de máis de 1.500 empregos directos e máis de 4.000 indirectos”.

“O público internacional, nacional e galego que se achega a Viveiro para gozar do Resurrection Fest ten tamén a oportunidade de descubrir a riqueza paisaxística, gastronómica e patrimonial da Mariña Lucense, convertendo a experiencia musical nunha experiencia turística completa”, apuntou Marcos Gómez Román.

O Resurrection Fest forma parte da programación dos Concertos do Xacobeo.