
A oficina de turismo de Ribadeo Ribadeo acolle unha exposición sobre Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ata o día 29 de marzo, domingo, día no que o grupo teatral Os Quinquilláns representará Cousas no auditorio municipal Hernán Naval ás 19:00 horas.
A Agrupación Cultural Francisco Lanza anuncia que “segue a desenvolver a súa actividade ao longo do ano 2026. Desde este luns 16 de marzo e até o domingo 29 do mesmo mes, poderemos visitar a exposición Sempre en Galiza. 1944-2024, comisariada por Henrique Monteagudo e coordinada por Xesús Domínguez Dono. Esta exposición foi producida por Merlín Comunicación e a Editorial Galaxia, e conta co apoio, entre outras institucións, da Deputación de Lugo, organismo a través do cal logramos poder traela a Ribadeo. Ao longo destas dúas semanas de marzo poderemos visitala na Oficina de Turismo. A exhibición consta dunha serie de paneis con textos explicativos, fotografías e debuxos do autor. Sempre en Galiza é considerada a obra fundamental do nacionalismo galego e un reflexo do pensamento político de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Publicada por primeira vez en 1944, a obra recompila artigos, discursos e reflexións que o autor elaborou durante o exilio, en lugares como Nova York, Buenos Aires e Valencia. Estruturada en catro libros, trata cuestións como o federalismo, a autonomía galega e a identidade nacional”.
O domingo 29 de marzo, “cando remate esta exposición, poderemos gozar da actuación dos Quinquilláns coa súa versión teatralizada do Cousas, de Castelao. A área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo segue a apostar tamén neste ano 2026 pola difusión do pensamento político e da figura literaria e artística de Castelao mediante a promoción do político, artista e ensaísta de Rianxo. Esta actuación, que poñerá o broche final á exposición, vaise celebrar o domingo 29 de marzo ás 19:00 horas no Auditorio Hernán Naval, de Ribadeo”, remata a Agrupación Cultural Francisco Lanza.


