Ribadeo rende homenaxe ao Pergamiño Vindel. Os actos están organizados polo Concello e pola agrupación cultural Francisco Lanza.

A Concellaría de Cultura e a agrupación cultural Francisco Lanza organizan varias actividades en torno ao Pergamiño Vindel, que se pode visitar durante estes meses no Museo do Mar de Galicia en Vigo. Deste xeito o día 21 de febreiro terá lugar ás 12 do mediodía na contorna do mercado de abastos de Ribadeo un Cantar de Cego a cargo de Luís Correa e Chus Iglesias. E por outra banda o día 25 deste mes haberá unha excursión organizada a Vigo para visitar o Pergamiño Vindel, o casco histórico da cidade olívica e a localidade portuguesa de Valença do Miño.

Os actos foron presentados esta tarde na Biblioteca Pública El Viejo Pancho, de Ribadeo. 

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, manifestou que “a Universidade de Vigo é a promotora da visita a Galicia do Pergamiño Vindel desde o Museo de Nueva York e do Museo Morgan. Figuran nel sete cantigas de amigo do trobador Martín Codax coa súa anotación musical, e a universidade viguesa xunto cos municipios que acollen o espectáculo, tentan trasladar á cidadanía a presenza deste documento no Museo do Mar de Galicia e animar á súa visita e coñecemento”.

O edil ribadense dixo que “dende unha esquiniña ata a outra, dende as augas do Eo, na súa desembocadura, ata as augas do Miño, tamén na súa desembocadura. Dende Ribadeo achegámonos ata Vigo para ver o Pergamiño Vindel. Para promocionar esta actividade e dar a coñecer o propio Pergamiño Vindel consideramos moi oportuno traer unha actuación a Ribadeo como é a dun Cantar de Cego especialmente composto para a ocasión”.

Graña explicou que “este Cantar de Cego é interpretado polo regueifeiro Luís Correa, O Caruncho, no papel de cego, e terá como guía a Chus Iglesias, que o acompaña neste percorrido por distintos concellos galegos. Nesta ocasión en Ribadeo, ao carón da feira do mercado de todos os mércores, qué mellor sitio para un cantar de cego. Como as feiras e os mercados son o lugar natural para este feito de difusión tan común, en Ribadeo escollemos o mércores 21 de febreiro ás doce do mediodía na contorna da praza de abastos, para achegarnos a unha parte da nosa historia e que os homes e mulleres de Ribadeo, toda a veciñanza ribadense, poida coñecer que foi e que é o Pergamiño Vindel”.

O edil de Cultura lembrou que “o manuscrito pertence ao século XIII, e é un documento de especial relevancia histórica que foi descuberto en 1.214 polo libreiro Pedro Vindel. Nel recóllense cantigas do autor galego, e o Pergamiño pódese ver no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, desde o mes de outubro pasado e ata este mes de marzo. Aproveitemos todos, ben de forma organizada ou individualmente, para visitar Vigo, o Museo do Mar de Galicia nesta cidade olívica, e coñecer de primeira man un documento gráfico que pon de relevancia a importancia que tiña a nosa lingua xa nestas épocas da Idade Media”.

Pola súa banda, a presidenta da agrupación cultural Francisco Lanza, Dores Fernández Abel, salientou que “para nós desde a agrupación cultural Francisco Lanza é moi importante coñecer o noso pasado, un pasado histórico que foi realmente grandioso, e que nos unía co que hoxe é Portugal. Debemos lembrar que Portugal naceu na Idade Media, no século XII, a partir do Reino de Galiza. Naquel momento o galego, tamén coñecido como galego-portugués, era a lingua que falaban os nosos antepasados, e nesa lingua é na que están escritas as cantigas de Martín Codax. Por iso para nós é importante aproveitar esta oportunidade que nos ofrece o Museo do Mar de Galiza que está en Vigo, para coñecer o Pergamiño Vindel, coñecido así polo seu descubridor que contén cantigas de Martín Codax, un trobador da época medieval que nos achega un pouquiño a como podía ser a vida naquel momento. Aínda que realmente nos achega máis a como era a música e a lingua do momento, posto que o que nos conta nas cantigas é literatura”.

Fernández Abel contou que “nós pensamos que a visita debería ser complementada porque non é o habitual, xa que ás persoas que vivimos aquí visitar Vigo nos cadra moi a desmán. Aínda que moita xente non o saiba Vigo ten un casco histórico precioso e a el refírense as cantigas de Martín Codax e ao mesmo tempo tamén nos parecía interesante visitar unha vila que agora pertence a Portugal, mais facía parte dese conxunto galego-portugués, como é Valença do Miño. Moitas veces as persoas lémbranse desa vila porque van comprar alí toallas, sabas e demais, pero o certo é que é moito máis, ten unha fortaleza impresionante que naceu precisamente a partir desa época medieval. Ten moito que ver co nacemento do Reino de Portugal, e é unha fortaleza que defendeu ese reino recén nado contra as pretensións de anexión do que era a coroa de Castela máis tarde. Por iso penso que esa fortaleza forma parte tamén da nosa historia e creo que é moi interesante poder visitala”.

A presidenta da agrupación Francisco Lanza anunciou que “a visita será o 25 deste mes, sairemos de Ribadeo ás oito e media da mañá e contamos estar de volta ás once da noite. Temos prezos para as persoas que vaian, teñen que colaborar co gasto do bus, mais temos prezos para os socios e socias da agrupación cultural e para as persoas que non están asociadas, os nenos van de maneira gratuíta. Pódese inscribir calquera persoa que o desexe mais só imos poñer un autobús e polo tanto unha vez que teñamos as prazas cubertas non vai haber outra posibilidade. Poden inscribirse na web de Francisco Lanza, no correo electrónico agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou ben no teléfono que imos deixar nos carteis que distribuiremos”.