Ribadeo Suma é un novo proxecto do Concello ribadense que incidirá no emprego. A formación arrinca en febreiro.

O Concello presenta Ribadeo Suma, un novo proxecto para este 2022, que incidirá nos eidos do emprego, as empresas, o emprendemento, a dixitalización e a sostibilidade e que pretende mellorar o benestar da poboación. O programa arrinca xa neste mes de febreiro. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explica que “o ritmo de desenvolvemento social, tecnolóxico e económico actual puxo de manifesto xa hai un tempo que é preciso aplicar de novos enfoques para acadar un modelo de convivencia moito máis inclusivo e sostible, que garanta o benestar da poboación a longo prazo”.

O edil ribadense dixo que “na época onde as présas mandan e todo semella desbotable, parece preciso mudar certos hábitos e adquirir coñecementos que nos permitan avanzar como sociedade,mantendo o equilibrio entre progreso e sostibilidade. Dende o Concello de Ribadeo consideramos que non podemos quedarnos atrás mirando a outro lado sen ter en conta estas novas necesidades que están xurdindo”.

Para Vizoso Galdo “por unha banda,é preciso acurtar as diferenzas económicas e culturais que existen entre a poboación,sendo polo xeral as persoas cun nivel formativo máis baixo as que adoitan atoparse coas maiores dificultades á hora de atopar un emprego e xerar recursos que lles permitan vivir de xeito independente e desenvolverse no seu día a día. O eido tecnolóxico, un dos que máis avanzou nos últimos tempos, resulta ser un piar clave para o progreso, tanto para persoas desempregadas, para negocios e empresas xa asentadas, así como para novos emprendementos que xorden das novas necesidades. A dixitalización permite axilizar os procesos e ofrécenos novas canles e ferramentas que cómpre coñecer”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local indicou que “o obxectivo que perseguimos sempre é mellorar e camiñar cara ao equilibrio entre progreso e sostibilidade, nun mundo onde os conceptos de reutilización, reciclaxe e consumo de proximidade cobran cada vez máis importancia. Por este motivo, e unha vez identificadas estas necesidades na nosa vila, dende o Concello de queremos apostar por un novo proxecto Ribadeo Suma. Trátase dun plan formativo para este ano 2022, onde terán cabida todas as persoas e sectores que o desexen: desempregadas, empredendedoras, produtoras, empresas… Ao longo do vindeiros meses iranse levando a cabo diversas accións formativas e tamén de lecer nos campos do emprego, emprendemento, negocios, dixitalización, sostibilidade e novos modelos económicos”.

Pablo Vizoso subliñou que “a primeira parte deste programa anual iniciarase este mesmo mes de febreiro con Ribadeo Suma Emprego, dirixido a persoas desempregadas ou que desexen mellorar a súa situación laboral. Os días 21 e 23 de febreiro na Aula CeMIT desenvolvera a acción formativa Competencias informáticas básicas, que está dirixida ás persoas que non posúen ferramentas informáticas ou que teñen coñecementos moi básicos destas. A continuación, e relacionado coas xornadas anteriores, o día 7 de marzo levarase a cabo unha formación sobre Como buscar emprego na rede. E os días 15,16 e 17 de marzo abordaremos Habilidades sociais para o emprego, onde se incidirá no proceso de busca de emprego a través da optimización das nosas características persoais”.

O edil nacionalista seguiu a relatar que “os idiomas tamén teñen cabida neste plan e dende o 22 de marzo ao 28 de abril impartirase Inglés para atención ao público, nivel básico. Este curso estará centrado na gramática básica, vocabulario e expresións útiles para o seu uso no día a día”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local engadiu que “en marzo está previsto ademais que comece a funcionar o novo Portal de Emprego, que integra tanto a xestións das demandas das persoas desempregadas como as ofertas das empresas que están levando a cabo un proceso de selección de persoal. Ademais, e igual que se ven facendo outros anos en abril iniciarase tamén o Curso preparatorio para os exames de competencias clave nivel 2, nas materias de comunicación en lingua castelá, comunicación en lingua galega e competencia matemática”.

Vizoso Galdo manifestou que “con Ribadeo Suma Emprego queremos achegar a formación e o coñecemento a aquelas persoas que o precisen, para que se poidan desenvolver dun xeito práctico coas tecnoloxías e acadar un nivel que lles permita mellorar a súa empregabilidade”.