San Ciprián acollerá o 22 de decembro o XI Campionato de Nadal de Nihon Taijitsu. Participarán os campións galegos de todas as categorías.

Cervo acollerá o sábado 22 de decembro o XI Campionato de Nadal de Nihon Taijitsu nas modalidades de Kata Individual  e Goshin Shobu (defensa persoal).

O evento foi presentado polo rexedor cervense, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, o presidente da Escola de Artes Marciais de Cervo e director do departamento de Taijitsu da Federación Galega de Kárate, Miguel Ángel Rojo, e por Agustín Martín, 8º Dan e director técnico da Federación Nacional deste departamento. 

O escenario da competición, que comezará ás 17:00 horas, será o Pavillón da Veiga de San Ciprián 

Estímase que serán medio cento os participantes, entre nenos e adultos, os que competirán no tatami que vén de adquirir a delegación de deportes do Concello de Cervo instalado para a ocasión no Pavillón da Veiga; dos cales o 60 % serán representantes da Mariña.

Haberá medallas para todas as persoas participantes, e trofeos para os tres mellores de cada unha das 8 categorías.

Soto e Villares convidaron a veciños e visitantes a gozar desta exhibición de artes marciais, “toda unha oportunidade para coñecer máis de preto este deporte de orixe xaponesa que día tras día vai gañando adeptos na nosa zona”.