Sarabela Teatro chega a Viveiro o 11 de decembro con "A lingua das bolboretas".

O Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, acolle a representación de A lingua das bolboretas a cargo de Sarabela Teatro. A función terá lugar este sábado, día 11 de decembro, ás 20:30 horas.

A obra de Manuel Rivas conta o proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola e da traxedia que supuxo vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil. A través da entrañable relación que manteñen o mestre, don Gregorio, e o neno vaise descubrindo paulatinamente a beleza daquelas realidades cotiás que pasan inadvertidas, facendo partícipe ao receptor da historia da fascinación infantil do protagonista ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas.

Trátase dunha adaptación de Fernando Dacosta e Gonçalo Guerreiro, coa dirección deste último, interpretada por Fran Lareu, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago, Josito Porto e Elena Seijo.

A reserva de entradas pódese facer no teléfono 982 560 162 ou en rbg.cultura@viveiro.es.

O prezo da entrada é de 5€ e 3 euros para estudantes e xubilados.