Sarabela Teatro presenta en Viveiro "Crónicas do Paraíso". Será o 12 de decembro. A reserva de entradas está aberta.

O Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, acollerá este sábado, 12 de decembro, a actuación de Sarabela Teatro que porá en escena Crónicas do Paraíso. A representación dará comezo ás 20:30 horas.

A historia conta como unha carroza, cargada de maletas, está a acubillar a misteriosos pasaxeiros, consegue poñerse en marcha e lánzase polos camiños dunha Bretaña imaxinaria. A cuadrilla leva da man, na súa danza, a un sochantre asustado. Queren que toque todas as exequias do señor De Quelven. Todos se ilusionan coas melodías do seu bombardino pois, por un espazo breve de tempo, as notas arrincan aos espectros da súa condición. Nestas historias xúntanse lendas célticas dos reinos de Bretaña e Galicia e traxedias universais.

Trátase dunha adaptación da obra de Álvaro Cunqueiro, de Goncalo Guerreiro que tamén dirixe a obra. O elenco está composto por Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fran Lareu, Sabela Gago e Fina Calleja.

A reserva de entradas pódese facer no teléfono 982 560 162 e en rbg.cultura@viveiro.es