Seguen as actividades da Biblioteca de Alfoz. En novembro comeza o programa Mochilas Viaxeiras e haberá 2 obradoiros dirixidos aos estudantes de ESO, BAC e FP.

Neste mes de novembro rematarase a substitución dos antigos andeis por novo mobiliario, de maior capacidade, que fará máis práctica a biblioteca e, ao mesmo tempo, máis luminosa, moderna e acolledora. A renovación do mobiliario levouse a cabo en 3 fases, a primeira o ano pasado subvencionada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a segunda este ano, dentro do Plan Único da Deputación de Lugo dentro da cal tamén se inclúe o cambio de luminarias por led, de menor consumo e a terceira será nuns días, de novo pola Xunta de Galicia.

En novembro comezará o Programa Mochilas Viaxeiras para as nenas, nenos e familias da Escola Infantil de Carballido e para os participantes no Programa de Envellecemento Activo do Concello, Activamente. Dúas mochilas para a Escola Infantil e catro para os maiores. Nelas levarán en préstamo por períodos de 15 días, libros e revistas así como unha enquisa de opinión co fin de avaliar o funcionamento desta proposta e ter en conta as súas suxerencias para unha mellora continua.

Os martes 23 e 30 de novembro levaranse a cabo 2 obradoiros dirixidos aos estudantes de ESO, BAC e FP ás 17:00 horas, nos que se deberán anotar previamente no teléfono do Concello 982 558 001 (ext.3) posto que hai prazas limitadas, aínda que se hai moita demanda se mirará de repetir os obradoiros. O primeiro será un Obradoiro de procura e selección de información en internet para facer traballos e o segundo denomínase Obradoiro básico de presentacións. Con eles, preténdese axudar ao alumnado das etapas superiores nos seus estudos, ao igual que con outras iniciativas da Biblioteca como a compra das lecturas obrigatorias dos distintos centros educativos nos que se atopan matriculados os rapaces e rapazas de Alfoz.

Incorporáronse recentemente novas seccións. Unha á Biblioteca, doada por Pedro Rubal, que se irá ampliando no futuro e outra ao Recuncho Violeta, un espazo propio dentro da Biblioteca con xogos, libros para todas as idades e de todo tipo de xénero que se inclúe no Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres que tamén se irá dotando de novos fondos.

Ademais da Bibliopiscina, que funciona durante os meses de verán, distintos obradoiros lúdicos e creativos que se realizan ao longo de todo o ano para os máis pequenos, contacontos, teatro, etc. de Ler Conta Moito e dos diferentes ciclos da Área de Cultura da Deputación Provincial, a Biblioteca conta cun Blogue hospedado na web municipal, cun programa de información periódica sobre os servizos da mesma, cunha renovación continua de fondos coa compra de novidades editoriais e con recursos coma: 4 lectores de libros electrónicos, proxector, pantalla e altofalantes, aos que suma este ano un novo ordenador portátil a través do Plan Único da Deputación Provincial e agora 3 tablets subvencionadas pola Consellería de Cultura.

Desde hai case 2 anos, conta cun Club de lectura, que se mantén en moi boa forma a pesar dos avatares provocados pola pandemia. Un total de 12 membros, que se reúnen quincenalmente para disfrutar da lectura, debater sobre un libro e, sobre todo, facer da biblioteca un lugar vivo e dinámico para fomentar a cultura e o pracer de compartir con outros lectores a súa afección.