Sete asociacións farán ata o 23 de setembro turismo de proximidade grazas ao programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo.

Sete asociacións participarán esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Son en total máis de 160 veciños e veciñas de diferentes concellos os que, dende este martes e ata o venres, percorrerán o territorio lucense grazas ás viaxes gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro.

Este martes,a Compañía de las Hijas de la Caridad de San Vicente de Paul, de Mondoñedo, e a Asociación de Castro de Cuiñas, da Fonsagrada, viaxan ao sur da provincia para percorrer diferentes municipios da Ribeira Sacra. Os da Mariña pararon no Pazo de San Marcos antes de continuar a súa ruta cara a Reitoral de Gundivós, visitarán tamén o Miradoiro do Duque e continuarán o seu percorrido cunha ruta en catamarán polo Canón do Sil. Os veciños da Montaña estiveron na produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación antes de poñer rumbo á igrexa de San Estevo en Ribas de Miño, asomarse ao miradoiro do Cabo do Mundo II e facer un percorrido polo Miño nun dos catamarán da Deputación de Lugo.

Mañá mércores, a asociación de amas de casa Virxe do Carme de Foz coñecerá o Mazo de Santa Comba antes de continuar cara O Saviñao. O xoves, a Unión de Sarria e a Asociación de Nais e Pais de Alumnos do CEIP Xosé Luis Taboada, de Carballedo, serán as protagonistas do Coñece a túa provincia con viaxes á Mariña no primeiro caso, e á capital da provincia no segundo. Finalmente, o venres,o colectivo Terras de Friolfe, do Páramo, viaxará a Burela e Foz; e a veciñanza de Mor, en Alfoz, coñecerá Sober e Monforte.

A semana pasada reiniciouse a segunda edición deste programa de viaxes da institución provincial, do que xa se beneficiaron na primavera preto de 1.800 persoas. Este outono son 55 as asociacións e colectivos lucenses os que contan coas súas reservas para viaxar pola provincia ata o mes de novembro. 

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.