A sociedade cultural Ledicia, de Burela, anima a consumir bonito fresco a primeira fin de semana de agosto, porque "o príncipe azul é o rei do verán".

Nesta fin de semana tan singular, dende a Sociedade Cultural Ledicia agradecen as mostras de cariño e apoio recibidas ante a "non celebración" da Feira do Bonito.
Amig@s e veciñ@s traballando desinteresadamente, coa colaboración de entidades públicas e privadas, conseguimos que a Feira do Bonito sexa un dos grandes eventos do verán da Mariña de Lugo, que cumpría 35 anos en 2019 cun recoñecemento moi especial.

Como xa se comunicou dende o Concello de Burela, este sábado 1 de agosto lembrarase a Feira e o mundo da pesca cun dos actos que tería lugar ese día: o izado da bandeira azul do barco-museo Reina del Carmen, que ADEAC lle otorga en recoñecemento ao seu labor como elemento didáctico e divulgador da historia mariñeira de Burela.

Ademais, dende hai uns días, na fachada da biblioteca municipal están expostas as reproducións en gran formato de varios dos carteis da Feira: o da primeira edición (1983 - Lucio Palacios) e un por cada cinco anos cumpridos.

Por outra parte, Ledicia está aproveitando a visibilidade que ofrecen as novas tecnoloxías con publicacións nas redes sociais: lembranzas dos traballos previos, fotos, publicación de receitas (que poden resultar premiadas) e nos próximos días farán un percorrido pola cartelería da Feira, que terá como fío condutor a data de celebración, que como se sabe é o primeiro sábado de agosto, pero pode variar de día 1 a dia 7 segundo o calendario.

Este ano non hai Feira do Bonito, pero tal e como recorda a FCAM, o bonito está moi presente na oferta da hostalería de Burela e da Mariña, polo tanto, dende Ledicia animan “á veciñanza e visitantes  a que -cumprindo en todo momento coa normativa sanitaria- consumamos bonito fresco, pois non hai dúbida que o príncipe azul é o rei do verán”.