Suspendidas en Ribadeo todas as actividades de carácter público previstas entre o 13 e o 15 de outubro, por mor do importante incendio que lle afecta ao municipio

Quedan suspendidas todas as actividades de carácter público previstas entre hoxe e o vindeiro domingo, 15 de outubro, por mor do importante incendio que lle está a afectar a Ribadeo. Así o ven de comunicar o alcalde, Dani Vega, a través dun Bando. 

O texto di que “con ocasión do importante incendio forestal que se produciu na tarde de onte e que afecta de xeito moi importante á zona rural en diferentes parroquias no termo municipal, de acordo con canto se dispón no artigo 21.1 m) da vixente Lei 7/1985, de 2 de abril reguladora das Bases de Réxime Local quedan suspendidas todas aquelas actividades de carácter público previstas durante o día de hoxe venres 13 así como as previstas para o sábado 14 e domingo día 15 de outubro de 2023 sinalándose entre outras: Festas do Santo Cristo que se ían celebrar na parroquia de Piñeira, as competicións de carácter deportivo, a actividade do mercado dos sábados e domingos no recinto da Praza de Abastos e a presentación do Libro En Branda prevista na Casa da Cultura”.

O Bando tamén recolle que “igualmente se dispón o estrito cumprimento da vixente Ordenanza para a prevención de incendios forestais e a salvagarda das condicións de limpeza, ornato, salubridade e seguridade dos terreos pola que se regulan as plantacións arbóreas, as obrigas de xestión de biomasa e os usos do lume no solo urbano, de núcleo rural e urbanizable do Concello de Ribadeo, publicada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo núm. 129 de 7 de xuño de 2018”.

O rexedor nese Bando tivo palabras de agradecemento para a veciñanza e para o persoal das diferentes institucións polo seu apoio nas labores de extinción do lume: “agradecer do mesmo xeito a todos cantos veciños e veciñas así como ao persoal das distintas institucións que acudiron á prestar o seu apoio incondicional nas labores de extinción e tamén a todos cantos se personaron de xeito voluntario e altruísta no pavillón polideportivo municipal para ofrecer calquera tipo de colaboración para coas persoas que necesitasen atención inmediata”.