Todo está listo en Xove para a celebración do XII Encontro de Palilleiras que terá lugar o 7 de outubro

O sábado, 7 de outubro, terá lugar en Xove o XII Encontro de Palilleiras.

Con ánimo de que este encontro sexa unha demostración do encaixe de bolillos, desde o Concello xovense invitan a todas as asociacións de palilleiras e vendedores artesanais “a que nos acompañen ese día. A día de hoxe temos algo máis de 350 palilleiras inscritas (procedentes das 4 provincias galegas, Asturias e León) e uns 25 vendedores anotados”. 

O Encontro, que se vai desenvolver no Pavillón de Deportes, vai comezar pola mañá ás 10:30 horas coa recepción de todas as palilleiras. O horario de apertura ao público vai ser de 10:30 a 13:00 horas pola mañá e der 16:30 a 19:00 horas pola tarde. A entrada, como sempre, vai ser libre e gratuíta para todos. 

A organización corre a cargo da Concellería de Servizos Sociais a través do Departamento de Muller e Igualdade, que conta tamén coa colaboración da Asociación Saíñas, xa que o grupo de gaitas da asociación vai ser o encargado de amenizar o XII Encontro de Palilleiras.