Trece locais de hostalería de Mondoñedo servirán do 22 ao 24 de novembro tapas elaboradas con faba verdina. Contan co apoio do Concello.

O Concello mindoniense, presidido por Elena Candia, desenvolve distintas liñas de traballo para a promoción turística e comercial do municipio. Un dos produtos emblemáticos do agro de Mondoñedo e a súa contorna é a faba verdina. Por iniciativa do Concello en colaboración coa asociación de produtores, a próxima fin de semana (días 22, 23 e 24), trece establecementos de hostalería da cidade episcopal ofrecerán aos seus clientes tapas nas que será protagonista a faba verdina.

Os establecementos que participarán nesta iniciativa son os seguintes: Valeco, Amencer, Padornelo, Pasatempo, Rincón, Porriño, A Vinoteca de Segundo, Bar Castro, A Tasca, O Petisco, Taberna Galiana, A Bodeguiña e O Palique. Cada establecemento recibirá cinco quilos de fabas, aportados polo Concello e a Asociación de Produtores de Faba Verdina. 

O secretario da asociación, AlfonsoCartoy, sinala que con esta iniciativa perséguense varios obxectivos. Por un lado, que os hostaleiros comproben as posibilidades gastronómicas que ofrece este tipo de faba, así como o seu rendemento. Por outro, que o público en xeral deguste un produto que ofrece amplas posibilidades e variedades á hora de preparalo.Cartoy explicou que a asociación está integrada por tres produtores, doutros tantos municipios, coa súa sede en Mondoñedo.

Polo seu lado, a alcaldesa, ElenaCandia, sinalou que o Concello de Mondoñedo ten especial interese en promover os produtos propios do municipio e indica que, neste camiño, colaborará, como xa o ven facendo, con iniciativas deste tipo.