A UNED-Aula Universitaria de Foz ten aberto ata o 23 de outubro o prazo de matrícula para o curso 2019-2020.

A UNED-Aula Universitaria de Foz ten aberto ata o 23 de outubro o prazo de matrícula para o curso 2019-2020. Foi presentado polo alcalde, Fran Cajoto; o concelleiro de Cultura e Educación, Héctor Moris; e a coordinadora do centro, María Fuensanta Otero.

Héctor Moris destacou que “para este goberno a educación é un dos piares básicos de calquera sociedade, xa que sen coñecemento e cultura non pode avanzar e perde por completo a súa liberdade. Dentro de toda a oferta de ensino regrado superior destaca a UNED como elemento de universalización da educación xa que permite a formación daquelas persoas que debido ás súas circunstancias non poderían optar a ela nin rematar os seus estudos. Ofrece unha liberdade de horario xunto cunha ampla oferta formativa e así calquera persoa pode acceder a ela. Dentro da UNED compre destacar o labor da aula de Foz e de todo o seu equipo humano, capitaneado por Fuesanta Otero e Olalla Rodríguez, que fan que sexa moito máis próximo e a xente doutras comunidades e doutras partes do noso país se acerquen á nosa aula”.

Como novidade desde a UNED-Aula Universitaria de Foz poderase asistir a todas as materias de todas as titulacións ofertadas polo Centro Asociado da UNED de Lugo e póñense a disposición do alumnado os recursos que pode ofrecer calquera universidade presencial, pero con liberdade para conciliar a vida laboral e familiar coa mellora formativa que require a sociedade.

A coordinadora da UNED-Aula Universitaria de Foz, María Fuensanta Otero Beltrán, explica que “para facilitar o acceso aos estudos universitarios a UNED permite a matrícula de tan só unha única materia e ademais non existen notas de corte en ningún dos graos universitarios. É de destacar que a UNED concede becas, que se poden solicitar para poder realizar os estudos que se desexe; o prazo estará aberto ata o 15 de outubro e é improrrogable aínda que a solicitude de matrícula se realice en datas posteriores. Tamén hai axudas ao estudo e descontos, especialmente para persoas discapacitadas, ademais de bonificacións diversas. Outra das novidades é que se ofrecen bonificacións do 99% dos créditos aprobados en primeira matrícula, co cal se o alumno matriculado vai superando as materias só paga o 1% das seguintes”.

Fuensanta Otero engade que “este curso académico 2019/20 será o último no que se admitirán novos alumnos nos graos procedentes de Bacharelatos anteriores a 2017, co cal é a última oportunidade de realizar unha carreira universitaria tendo exclusivamente superado o BUP. Resaltar os graos combinados, 11 ofrece a UNED, co cal nesta modalidade de estudo obtéñense dúas titulacións de grao diferentes, cursando unha delas completa e, como máximo, a metade da segunda”.

Poderán inscribirse os estudantes na UNED-Aula Universitaria de Foz no curso de acceso para maiores de 25 e de 45 anos, no Centro Universitario de Idiomas Dixital e a Distancia da UNED (CUID), así como nos 28 graos que oferta a UNED.

Para máis información os interesados poden dirixirse á Secretaría da UNED-Aula Universitaria de Foz, situada no IES de Foz, chamar aos teléfonos 982.133.699/604.034.549 ou ben a través do correo electrónico foz@lugo.uned.es