Unha vintena de parellas participan no Campionato de Tute e Parchís do Concello de Cervo. Os trofeos entregaranse o 10 de marzo na Cea do Día da Muller.

A Casa do  Mar de San Ciprián está a acoller estes días o campionato de tute e parchís, que organiza o Concello de Cervo, a través da delegación de Muller e Igualdade, con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebrará o 10 de marzo.

Están xogando, en horario de mañá e tarde, 20 parellas, 10 ao parchís e 10 ao tute. 

A edil delegada de Muller, Pilar Armada, sinalou que  “as gañadoras recibirán os correspondentes trofeos na Cea do Día da Muller, que terá lugar no Restaurante Buenavista, o sábado 10 de marzo, ás 22:00 horas; alí entregaremos unha figura de Sargadelos a cada unha das integrantes, das tres mellores parellas de cada disciplina”.  

Armada destacou que hai motísima afección por parte das mulleres de Cervo tanto polo tute como parchís e boa mostra diso son os anos que levamos organizando este campionato, e nesta ocasión incluso temos anotadas máis parellas que en edicións anteriores; cremos que é unha boa iniciativa para que as mulleres se reúnan e pasen un bo anaco todas xuntas”.

Armada recordou que “o prazo para anotarse a esta cea está aberto ata o 8 de marzo e as interasadas en asistir poden retirar os seus tickets a través das diferentes asociacións e tamén na Casa da Cultura de San Ciprián (982.59.51.57).

O programa de actos foi consensuado entre o Concello e todas as asociacións de mulleres do municipio: Asociación de Mulleres de San Ciprián, Amas de Casa “Alborada”, Mulleres Rurais “As Espalladoras” e Mulleres en Igualdade.

Ese sábado, 10 de marzo, ás 20:00 horas, está previsto que actúe o monologuista Xan Veiga na Casa do Mar, nun acto aberto a todo o púbico.

E logo da cea, a xornada rematará con baile na Casa do Mar, a cargo do Dúo Epok-a

O Concello de Cervo anima a todas as mulleres do municipio a que se sumen aos diferentes actos programados nesta xornada.