Varrendo o patriarcado é o lema elixido polo Observatorio da Mariña pola Igualdade para o 8M. Esa xornada convocan manifestación en Ribadeo

O 8 de marzo é o Día Internacional da Muller Traballadora e como cada ano, o Observatorio da Mariña pola igualdade “convoca a todo o feminismo da Mariña Lucense para combater contra as políticas que tratan de silenciarnos. Somos feministas, somos loitadoras e somos poderosas”. 

Desde o Observatorio indican: “queremos expresar a nosa posición desvinculante de todas as actividades lúdico-festivas que en torno ao 8M se organizan en diferentes Concellos da Mariña: viaxes, xantares populares, concertos, etc... Este Observatorio da Mariña pola Igualdade non vai permitir que se blanqueen as palabras Feminismo, Igualdade e Sororidade nunha data imprescindible para as nosas reivindicacións”. 

E subliñan: “este ano 2024 queremos visibilizar aos sectores máis vulnerables onde traballamos maioritariamente as mulleres, como son os servizos de limpeza e o sector téxtil e poñer en valor a loita que levaron a cabo as compañeiras da limpeza de Lugo nos últimos meses, que resistiron cunha longa folga ata que acadaron mellorar as súas condicións laborais, demostrando o necesario que é a unidade feminista cara a un mesmo fin: varrer o patriarcado”.

Desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade engaden: “por todo isto, o Observatorio da Mariña pola Igualdade en colaboración coas mulleres feministas da Mariña, negando calquera outra vinculación colaborativa que non sexa a anteriormente exposta, organiza e convoca unha manifestación feminista para o próximo venres, 8 de marzo, ás 20 horas en Ribadeo baixo o lema Varrendo o patriarcado, á que animamos a participar a todas as persoas que sintan como súa a necesidade da unidade no movemento feminista mariñán”. 

O colectivo informa tamén sobre o programa de actividades que, grazas ao traballo e compromiso das mulleres feministas de Ribadeo, Burela e en xeral, das mulleres mariñás, terá lugar nos seguintes días:
Sábado 2 de marzo no IES Dionisio Gamallo en Ribadeo:
- Obradoiro de Batuke e material, de 15h00 a 18h30.
Venres 8 de marzo, na praza de abastos de Burela:
- Convivio e apertura do quiosco 8M, a partir das 14h00.
- Obradoiro de cartaces, de 16h00 a 18h00.