A Vicepresidencia da Deputación programa diversas actividades para celebrar o 50º aniversario do Museo do Mar, de San Cibrao.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística, prepara un amplo programa de actividades para celebrar o cincuenta aniversario do Museo Provincial do Mar, de San Cibrao.

Coincidindo coa efeméride, este venres desenvolveranse os actos conmemorativos da creación do museo, que naceu o 11 de outubro de 1969 na escola unitaria da localidade cun patrimonio inicial formado pola colección do mestre Francisco Rivera Casás.
 
O docente e mailo antigo alumnado serán homenaxeados durante a xornada, na que tamén se incorporarán ao museo os traballos de investigación de Chema Leal Bóveda e Xoán Ramón Fernández Pacios en relación ó papel da muller no mundo do mar, na Mariña e noutras rías, especialmente no ámbito das industrias pesqueiras.
 
Arredor do cincuenta aniversario, desenvolverase o programa “Un museo para 15 concellos. Viaxes de ida e volta” que pretende renovar os lazos entre o museo e a comunidade dos municipios mariñaos.
 
A partir deste venres e ata decembro de 2020, celebraranse xornadas de intercambio e convivencia para poñer en valor a riqueza patrimonial dos diferentes concellos na voz dos seus axentes e colectivos culturais.
 
O ciclo comezará a tarde do venres cun programa artellado en torno ao legado das mulleres do mar:
 
16:30h. Parladoiro entre Javier Rivera, Encarna Lago González e Silvia Fiallega Lorenzo sobre o tema “Da escola de D. Francisco a un museo de todxs e para todxs. As facedoras de mundos. 50 anos do Museo Provincial do Mar. 15 anos de xestión como museo”.
 
19:00h. Charla sobre o tema “Mulleres de papel no Mar Cantábrico galego I”, a cargo de Chema Leal, profesor da UNED, investigador da USC, Máster en Xestión do Patrimonio Cultural.
 
20:30h. Charla sobre o tema “Mulleres de papel no Mar Cantábrico galego II”, a cargo de Xoán Ramón Fernández Pacios, licenciado en Xeografía e Historia e coidador do Centro de Interpretación do Camiño de Mondoñedo.
 
Programación ao longo do 2019
 
15 de outubro
Parladoiro: Os nosxs maiores contan
“A memoria oral. A importancia do patrimonio inmaterial”, a cargo do Club Sénior da Rede Museística.
 
30 de novembro
“Daquela escola a un museo: un mar de cultura”. Xornada na que os veciños de San Cibrao, aproveitando a festividade de Santo André, en tempos a máis popular da vila, queren lembrar e homenaxear a tódalas aquelas persoas que fixeron parte na historia do noso museo cando aínda era escola.
 
3 de decembro
“O museo inclusivo”, charla de Ángeles Miguélez, coa presenza dos colectivos para a discapacidade da Mariña.
 
12 de decembro
Conferencia “O porto da Atalaia. De Bayona a Baiona”, a cargo do arqueólogo Enrique Alcorta Irastorza
 
13 de decembro
Faladoiro: Os cronistas contan
Os cronistas oficiais de Viveiro, Carlos Nuevo; de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez; e de Mondoñedo, Antonio Reigosa, dialogarán coa historia e as historias do Mar da Mariña de fondo.
 
18 de decembro
“Relatos da emigración”. Xuntanza coa comunidade migrante na Mariña.
 
“Microhistorias de ida e volta”. Presentación deste proxecto da fotógrafa e deseñadora Evelin Ruíz Crego. É unha viaxe ao pasado e ao presente a través dos recordos e historias persoais da vida de mulleres emigrantes galegas e cubanas. É un rescate das súas testemuñas, dos seus propios relatos migratorios e de imaxes que reflexan os seus recordos, sentimentos e vivencias.