Viveiro acolle as VI Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima do 11 ao 13 de novembro.

O Concello de Viveiro, coa colaboración da Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas), organiza as VI Xornadas Cidade de Viveiro de Historia e Arqueoloxía Marítima, que se celebrarán os días 11, 12 e 13 de novembro. É un mes simbólico na historia marítima de Viveiro, xa que foi o 2 de novembro de 1810 cando a fragata Magdalena afundiu na ría.

Durante a presentación do evento, que tivo lugar esta mañá, a alcaldesa, María Loureiro, destacou o nivel dos relatores e asegurou que a xornada xa é unha cita consolidada a nivel nacional e internacional. "É unha das mellores formas de poñer en valor a nosa historia, sempre vencellada ao mar", asegurou.

Segundo explicou esta mañá a rexedora local, o acto comezará na tarde do venres 11 de novembro coa inauguración dunha exposición sobre os pecios que acompaña a estas sesións. O sábado comezarán as xornadas nas que intervirán unha ducia de expertos ao longo dos dous días. A mañá do día 12 estará dedicada a analizar e expoñer os últimos avances da arqueoloxía marítima e pola tarde, despois do xantar, as charlas darán luz sobre algúns aspectos históricos de determinados fitos marítimos, como a circunnavegación do mundo.

O domingo haberá espazo para coñecer, a través de catro conferencias, as peculiaridades dos barrios pesqueiros de Viveiro, a historia dos aparellos pesqueiros en Galicia, os sistemas de defensa do litoral cantábrico galego e a restauración do pecio da Magdalena exposto no o Museo da Construción Naval de Ferrol.

As xornadas convertéronse xa nun punto de encontro de arqueólogos, historiadores e afeccionados e conseguiron reunir a case un centenar de asistentes nas últimas edicións. A inscrición nestas xornadas pódese realizar nas páxinas web da UNED - Lugo e Concello de Viveiro.

Os que queiran máis información sobre o evento poden dirixirse ao correo electrónico concellal.facenda@viveiro.es ou no teléfono 677 551 588.