Xa está en marcha a primeira biblioteca rural en Barreiros. Atópase no local social de San Xusto

Barreiros celebrou hoxe o Día das Bibliotecas poñendo en marcha un novo servizo para a súa veciñanza: a biblioteca rural de San Xusto. 

No acto de inauguración a alcaldesa, Ana Ermida, manifestou “o orgullo de poder ir facendo realidade os soños colectivos e o convencemento da necesidade de sacar a cultura dos circuitos tradicionais para achegala a toda a veciñanza e a todos os lugares.” Incidiu igualmente no “agradecemento á veciñanza que acolle as ideas e as fai propias, como garantía de éxito no seu funcionamento e agradeceu, nomeadamente, á Asociación de San Xusto a súa implicación para a xestión da biblioteca.”

O concelleiro de Dinamización, Dani García, afondou nesta idea explicando que “a biblioteca que se inaugura hoxe é máis ca un espazo no que se gardan libros, é un espazo para a socialización e a cultura do pobo, que se dinamizará con distintas actividades que enchan de vida este espazo.” 

A portavoz da Asociación de San Xusto, Teresa Palacios, anunciou que se abrirá todas as tardes dos luns para que a veciñanza poida achegarse alí e recoller libros, cambialos, realizar consultas ou facer actividades. 

1000 libros para facer realidade os soños

Esta nova biblioteca componse de 950 exemplares reunidos grazas a doazóns veciñais e á adquisición realizada polo Concello co Obradoiro de Emprego Vilas Coidadoras. Nesta selección pódense atopar novelas, relatos, poesía, teatro, autoaxuda, cómic, literatura infantil, xuvenil e adolescente, primeiros lectores e libros en inglés que se reparten en oito estanterías que ocupan as paredes dun local equipado con mesas, cadeiras e ordenador para facilitar a xestión. 

A adecuación e organización do espazo foi realizada polo Obradoiro de Emprego Vilas Coidadoras na súa edición pasada e actual, a cuxa dirección, monitorado e alumnado agradeceron a dedicación.

Vilamartín Grande, seguinte obxectivo. 

Xunto coa posta en marcha desta biblioteca en San Xusto, o Concello traballa nunha segunda biblioteca rural en Vilamartín Grande, onde se están a realizar as labores de adecuación das antigas escolas para volver darlles vida cheas de libros e actividades, para o que contan tamén coa colaboración da asociación veciñal dese lugar.