Xacarandaina actuará o 27 de outubro en Burela. As entradas están á venda anticipada na Biblioteca e na Casa da Xuventude.

O grupo Xacarandaina actuará este sábado, 27 de outubro, na Casa da Cultura burelesa a partir das 20 horas. Estarán presentando o seu espectáculo Patrimonio inmaterial, un paseo polos seus traballos desde hai 40 anos. As entradas están á venda anticipada na Biblioteca e na Casa da Xuventude ao prezo de 7 euros. O sábado poderán mercarse na billeteira, desde as sete da tarde, a 10 euros.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, contou que “dentro da programación cultural de Burela, neste mes de outubro, temos o día 27, este sábado ás oito da tarde a presenza de Xacarandaina, este grupo de música de baile tradicional moi importante en Galicia, que xa estiveron aquí fai anos pero que agora repiten”.

O edil burelés explicou que “traen un espectáculo que se chama Patrimonio inmaterial, que recompila un pouco todo o seu traballo dende fai corenta anos que naceu a asociación cultural Xacarandaina, e dentro dela foise formando este grupo de música e de baile tradicional. Aí están todas as cousas que foron facendo ao longo de todos estes anos. É un espectáculo tanto a nivel visual como de escenografía e vestiario, en todos os aspectos, moi recomendable para o que ademais hai moita expectación xa”.

Díaz invita “a toda a xente a asistir este sábado a este espectáculo. Penso que Xacarandaina é unha das pezas claves dentro do folclore galego, é algo moi importante e que fala moito das tradicións galegas e de todo iso que grazas a este tipo de grupos segue manténdose. Seguen tendo moitísimos nenos dentro da súa agrupación, e seguen velando por coidar todo o posible que non se perdan este tipo de tradicións que, insisto, se non fora por este tipo de asociacións seguramente caerían no esquecemento, ou polo menos non terían o protagonismo que seguen tendo”.

José Díaz lembrou que “hai venda anticipada de entradas, é un evento que organiza o Concello, e poden adquirirse tanto na Biblioteca Municipal como na Casa da Xuventude por un prezo de 7 euros, ata o día do evento. Pero o sábado na billeteira tamén se poderán comprar as entradas, desde as sete da tarde, por 10 euros, compensa compralas en anticipada para aforrar un pouquiño”. 

O concelleiro de Cultura engadiu que “o domingo teremos Burela de Cine, outra sesión de cine infantil, para todos os públicos, sobre todo familiar e para os nenos e nenas. A verdade é que nas últimas dúas sesións de cine infantil tivemos moitísima xente, case duascentas persoas asistindo á película no auditorio. Como sempre é gratuíto para todo o mundo. Isto completa a fin de semana cultural en Burela, con moita tradición por un lado e cun evento que imos consolidando pouco a pouco, que a xente xa sabe del e que tamén está tendo moi bo seguimento”.