A XLII Mostra Folclórica Internacional de Viveiro terá lugar do 1 ao 8 de agosto. Bágoas da Terra ultima os preparativos.

Dende a Asociación Bágoas da Terra continúan cos preparativos da XLII Mostra Folclórica Internacional de Viveiro, que este ano se retoma do 1 ó 8 de agosto, cos días fortes entre o xoves e domingo, tras dous anos de parada obrigatoria pola pandemia, despois de celebrarse ininterrompidamente dende o ano 1979. 42 edicións dun festival punteiro de recoñecemento Internacional pertencente a CIOFF integrada na ONU-UNESCO do que Bágoas da Terra e Viveiro senten orgullo.

Bágoas da Terra volta con forza na organización desta edición da Mostra, que incluirá dúas exposicións moi interesantes relacionadas co Camiño de Santiago, unha delas denominada “A Memoria do Son” ca réplica dos instrumentos do Pórtico da  Gloria da Catedral de Santiago, na que por medio de códigos QR poderase escoitar cada un dos antigos instrumentos. O que será unha actividade adicional nas diferentes xornadas, como a Mostra Infantil, Concerto de Música Folk, Desfile das Nacións e Recepción cas Autoridades, un espectáculo especial o sábado 6 á noite así como a Gran Gala Internacional do domingo 7 de Agosto.

Estes días previos Bágoas da Terra continúa con moita actividade cos ensaios intensivos para a Gala Internacional, con especial atención, ademais do seu repertorio tradicional recollido por diversas áreas de Galicia, á Danza do Xacobeo que recollida polo coreógrafo Juanjo Linares deixou en exclusiva para a Asociación.

Deixámosvos unhas imaxes dun dos grupos participantes este ano, Grupo Cultural “Netos de Bandim” de Guinea Bissau. Nos próximos días iremos compartindo mais información desta 42º edición na que vos esperamos coma sempre na Praza Maior de Viveiro.