Xoán Curiel ofrecerá un concerto en Burela o 19 de outubro. E o día 20 haberá nova sesión de cine infantil.

A Concellería de Cultura organiza un concerto infantil que ofrecerá Xoán Curiel mañá, 19 de outubro, no auditorio da Casa da Cultura, ás 18:00 horas. A entrada será libre.

Xoán Curiel presenta un novo espectáculo no que pon música a mulleres como Rosalía de Castro, Antía Otero, Rosalía Fernández Rial, Alda Merini e outras clásicas e tamén contemporáneas. Nesta montaxe Xoán Curiel fai fincapé na necesidade da presenza e visibilización das nosas creadoras, utilizando fundamentalmente a poesía e a metáfora creadas por elas que tanta inspiración teñen no artista.

Este concerto inclúese no programa Ler conta moito de actividades de dinamización da lectura que promoven a igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia de xénero nas bibliotecas de titularidade municipal, integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

A Concellería de Cultura organiza ademais unha nova sesión de cine infantil que terá lugar o domingo 20 de outubro, ás 18:30 horas na Casa da Cultura, dentro do ciclo Burela de Cine.