Novos horizontes para o Memorial de Fútbol Sala Base de Imdecum. No seu quinto aniversario chamarase Torneo Heroes do Orzán e disputarase na Coruña e na Mariña do 29 de xuño ao 3 de xullo.

Novos horizontes para o Memorial de Fútbol Sala Base de Imdecum. No seu quinto aniversario chamarase Torneo Heroes do Orzán e disputarase na Coruña e na Mariña do 29 de xuño ao 3 de xullo.
 
A Fundación Imdecum (Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña) presentou esta mañá en Burela a quinta edición do Torneo de Fútbol Sala Base da Fundación Imdecum, que en 2016 amplía horizontes, con nova sede na Coruña, e estrea nomenclatura, como Torneo Heroes do Orzán, “Memorial Rodrigo Maseda Lozano, Javier López López e José Antonio Villamor Vázquez” (29 de xuño-3 de xullo) en lembranza tamén dos outros dous policías que faleceron xunto a Rodrigo nos traballos de rescate na praia herculina en 2012.
 
O salón de plenos do consistorio acolleu o acto, no que o presidente da fundación, Marcelino Luna, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, estiveron acompañados polo concelleiro de Deportes local, Ramiro Fernández, e os seus homólogos de Cervo e Viveiro, José Ramón Soto e Emilio Villarmea,  colaboradores no torneo ademais dos municipios de Foz e Xove; tamén asistiu o director técnico deportivo de Imdecum, Alfonso Mera.
 
Marcelino Luna destacou o gran salto que dará o torneo en 2016 con diferentes novidades. “É unha edición moi especial para nós, cumprimos cinco anos cunha traxectoria en continuo crecemento. En 2015 debutou a categoría prebenxamín  e sumouse o municipio de Viveiro e este ano damos un paso máis. Honraremos a memoria dos tres Heroes do Orzán incluíndo a sede da Coruña, onde estaban destinados Rodrigo e os seus compañeiros; alí estrearemos competición paralela nas categorías femininas Sub-16 e Sub-19”, adiantaba o presidente de Imdecum, incidindo na grande expectación que xa está xerando o Memorial 2016 entre clubs de toda España: “Xa amosaron o seu interese equipos de Madrid, Asturias, Castela e León e de todas as provincias galegas; unha perfecta mostra do bo funcionamento do torneo é que temos clubs que repiten a súa presenza ano tras ano. Este verán o Memorial traerá máis de 700 rapaces/as coas súas familias; sobre 600 participarán e aloxaranse na Mariña, con 4 días de competición, 1 día máis ca en edicións anteriores” adiantaba así Marcelino Luna, que non quixo pechar a súa intervención sen mostrar o agradecemento da Fundación ás familias de Rodrigo Maseda, Javier López e José Antonio Villamor, ademais das institucións colaboradoras: “Para nós é un auténtico privilexio poder difundir o legado de Rodrigo e dos seus compañeiros; son todo un exemplo para a xuventude”.
 
Pola súa banda, Alfredo Llano aplaudiu o traballo de Imdecum na formación de base: “Para Burela é un pracer colaborar con esta iniciativa e seguirémolo facendo sempre en todo o que poidamos para axudar a que siga medrando como o está facendo”. Dende Cervo e Viveiro, José Ramón Soto e Emilio Villarmea referendaron o apoio á cita.
 
Inscrición aberta ata o 6 de xuño
Ata o luns 6 de xuño os equipos que así o desexen poderán formalizar a súa inscrición para o Memorial. Ao longo de catro xornadas, un día máis ca en edicións anteriores, A Mariña acollerá a ilusión futbolística das categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, nos pavillóns municipais de Viveiro e Xove, A Veiga (San Cibrao), Marzán (Foz) e  Monte Castelo e Vista Alegre (Burela). A nova sede, a coruñesa, albergará a competición nas categorías Sub-16 e Sub-19 femininas.
 
Durante o torneo e coincidindo co grande ambiente da Festa Castrexa en Burela, a organización tamén lles ofrecerá aos rapaces/as unha programación lúdico-deportiva complementaria, con inchables, e visitas guiadas ao barco-museo Reina del Carmen de Burela e o Museo do Mar de San Cibrao, ademais de ter a posibilidade de usar as instalacións de Activity Center e do complexo deportivo da Marosa, na vila burelense.  Xogadores/as e familiares poderán gozar dunha completísima oferta turística ao longo da Mariña e da Coruña.