O 3 de xuño haberá un recital poético en Ribadeo e o 5 de xuño varios actos entorno ao centenario das Irmandades da Fala.

O 3 de xuño haberá un recital poético en Ribadeo e o 5 de xuño varios actos entorno ao centenario das Irmandades da Fala.
 
Ensaio, poesía e a conmemoración do centenario das Irmandades da Fala integran o programa cultural para este primeiro fin de semana de xuño, organizado pola Concellería de Cultura.
 
O responsable deste área, Farruco Graña, subliñou que “temos un comezo do mes de xuño, do mes de San Xoán, moi literario. Imos comezar con ensaio, despois un recital poético e remataremos cunha lembranza das Irmandades da Fala, e todo vai ser ao longo desta semana e fin de semana”.
 
Farruco Graña detallou que “este xoves imos poder escoitar a Francisco Rodríguez, un referente da sociolingüística galega contemporánea, presentándonos de novo o seu clásico libro Conflito Lingüístico e ideoloxía na Galiza. A situación do galego como síntoma. Este acto vai ser este xoves a partir das 20:30 horas na Casa das Letras, é un acto organizado pola agrupación cultural Francisco Lanza. Forma parte desa serie de actividades que desde a propia base cultural se organizan, porque Ribadeo sigue a ser unha vila e un pobo dinámico e con moita actividade cultural que emana da propia base. Desde o Concello congratulámonos de poder facer saber a todo o público ribadense e de toda a comarca que hai actividade por iniciativa propia das asociacións culturais”.
 
O edil de Cultura contou que “este venres poderemos gozar dun recital poético que será no Cine Teatro ás 20:30 horas. Trátase dun encontro poético entre Galicia e Madrid que a primeira fase xa tivo lugar en Madrid achegándose ata alí Xavier Rodríguez Baixeras, Olaia Cociña e Yolanda Castaño que foron acollidos por Jorge de Arco, Vanessa Pérez Sauquillo e Carlos Aganzo. Estas tres persoas forman parte da asociación Piedra de Molino que ten por costume organizar intercambios poéticos entre diferentes culturas e diferentes linguas. Este encontro poético xa vai dar comezo ás cinco da tarde cunha recepción no Concello aos poetas convidados e aproveitaremos para darlles a coñecer a Mariña luguesa e nomeadamente o concello de Ribadeo. Poderemos visitar a zona vella, achegalos ata o faro de Illa Pancha e ter esa panorámica da costa mariñán. Tamén o sábado visitaremos algunhas parroquias do interior, así como Rinlo e a praia das Catedrais por suposto”.
 
Farruco Graña concluíu explicando que “o domingo poderemos conmemorar o centenario das Irmandades da Fala. O bus que organizou a asociación ORA Galega e que da man da agrupación cultural Francisco Lanza e do propio Concello de Ribadeo se achega á nosa vila, vai estar presente no parque de San Francisco. Para encher de contido esta actividade en primeiro lugar no cruce das Catro Rúas ás 12:30 horas, faremos unha lectura do manifesto das Irmandades da Fala entre varias persoas de distintas idades. O que queremos evocar é a continuidade do discurso e as ideas postas en marcha polas Irmandades da Fala a principios do século XX. Amenizará musicalmente este encontro o cuarteto Xaramolos. As 13:30 horas achegarémonos ata o parque de San Francisco e poderemos escoitar algunhas pezas da Coral Polifónica de Ribadeo porque non hai que esquecer que precisamente esta aposta pola música popular, esta aposta pola música das corais polifónicas tivo en parte o seu xermolo na actividade das Irmandades da Fala porque potenciaron enormemente as corais polifónicas por todo o país”. 
 
E engadiu que “á tarde no propio autobús poderemos ver a exposición itinerante que leva e na que se explican os propios fitos das Irmandades da Fala. Para explicárnolo un pouquiño polo miúdo estará ás 18:30 horas, Suso Fernández Acevedo, profesor de Lingua e Literatura Galegas no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, cunha charla informal poderá explicarnos a todas as persoas que asistamos a esta exposición en que consistiu o discurso e a actividade das Irmandades da Fala. A partir das 19:30 horas, esperemos que o tempo o permita para gozar con toda a plenitude do pequeno concerto que ofrecerá o grupo Poetarras con temas como Chove Galiza, Hasta la disglosia siempre ou Feijoo. É un grupo ben coñecido a través das redes sociais e este domingo poderemos escoitar un pequeno concerto para poñer broche final a estas actividades que conmemoran o centenario das Irmandades da Fala”.