O actor e presentador xovense Roberto Vilar, o alcalde, Demetrio Salgueiro, e os tres empresarios máis antigos da localidade serán os encargados de inaugurar o 11 de febreiro a feira multisectorial "Agora Xove".

O actor e presentador xovense Roberto Vilar, o alcalde, Demetrio Salgueiro, e os tres empresarios máis antigos da localidade serán os encargados de inaugurar o 11 de febreiro a feira multisectorial "Agora Xove".
 
Agora Xove, así se denomina a feira multisectorial que se celebrará en Xove os días 11 e 12 de febreiro, organizada pola Aciam e polo Concello. Serán medio cento de firmas as que participarán neste evento, que se desenvolverá nunha carpa de 1.200 cadrados e tamén no pavillón deportivo. Haberá desfiles, degustacións, catas de viño, demostracións de beleza e actividades para os máis pequenos. A inauguración correrá a cargo do actor e presentador xovense Roberto Vilar e do alcalde, Demetrio Salgueiro, xunto cos tres empresarios máis antigos da localidade e a clausura estará protagonizada polo desfile de moda de Catycris. 
 
Na presentación de Agora Xove, que tivo lugar esta tarde no salón de plenos do Concello, o rexedor agradeceu e felicitou á asociación de comerciantes de Xove “pola súa unión e compromiso coa potenciación do comercio local. O Concello, como creo que ten a obriga de axudar ás nosas empresas, fomentar todas as iniciativas tanto empresariais como lúdicas, como é este caso, colabora coa asociación de comerciantes. Vímolo como unha boa iniciativa desde o seu primeiro plantexamento. É unha forma de potenciar o noso comercio, de fomentar que os veciños de Xove compren aquí e tamén que os doutros lugares da Mariña e os visitantes que veñen á nosa comarca se acerquen tamén a Xove a coñecernos un pouco máis e que saiban que en Xove hai un comercio importante, que está cerca, moi ben situado, cuns comerciantes moi amables e moi profesionais e que temos practicamente de todo”.
 
Demetrio Salgueiro subliñou que “a idea é colocar a Xove no mapa e de aí que se leve a cabo esta primeira edición desta feira multisectorial Agora Xove, que será os días 11 e 12 de febreiro e se complementará cun desfile da principal empresa de moda da Mariña lucense e unha das máis importantes da provincia de Lugo, que é Catycris”.
 
O alcalde xovense dixo: “entón quero agradecer a todos os comerciantes de Xove e, como non, á directiva da Aciam o seu compromiso e colaboración e esperar que todo se desenvolva do mellor xeito posible, que sexa un éxito. Creo que todo isto se fai con moito cariño e ilusión e esperemos que a repercusión e os visitantes así o agradezan ao final”.
 
Salgueiro subliñou que “por parte do Concello desde o primeiro momento a Aciam ten toda a colaboración. Financiamos cunha cantidade importante esta primeira edición: 10.000 euros, xa dotados nos orzamentos municipais deste ano 2017, para colaborar nos gastos que implica todo o desenvolvemento desta feira. Pero cremos que é un bo investimento para Xove, para os veciños do municipio; e todo o que se xa a potenciación do comercio e o fomento do emprego dentro das nosas fronteiras todos eses investimentos están ben realizados. Esperemos que se consigan estes fins, que sexa un éxito e poder repetir a experiencia en futuras edicións”.
 
Pola súa banda, o presidente da asociación de comerciantes de Xove, Juan Carlos López, explicou que “Agora Xove vaise levar a cabo na Praza do Concello, que vamos cubrir cunha carpa de 1.200 metros cadrados, anexa ao pavillón, que tamén se utilizará para o evento, neste caso como pasarela para os desfiles”.
 
López González contou que “ao principio pensábamos nos que poderíamos participar ou non, se a xente se comprometería. Pois si, a verdade é que en Xove comprometeuse todo o mundo, todas as empresas; practicamente todas están nese evento e cada unha vai organizar as súas actividades, como boamente queira, para promocionar o seu negocio e dar a coñecer máis, se cabe, o tecido empresarial de Xove”.
 
E lembrou que “este evento creuse un día falando de cousas a facer a maiores. Había xa a idea de facer uns desfiles de moda, a través de Catycris, e a partir de aí falamos de facer un evento para todo o tecido empresarial de Xove. Entón falamos con Demetrio Salgueiro, o alcalde, que estivo receptivo desde o principio, e a partir de aí empezamos a contactar con todas as empresas, os que eran socios e os que non, que agora xa o son case todos, e a montar o evento. En base a iso queríamos ter unha imaxe que identifique o evento. Isto creouno un rapaz de aquí, Mateo, que se dedica ao deseño gráfico. O nome de Agora Xove démosllo nós”.
 
Sobre as actividades que se desenvolverán os días 11 e 12 de febreiro en Xove o presidente da Aciam relatou que “o sábado e o domingo vai haber varias actividades organizadas polos expositores. O sábado teremos varios desfiles e contaremos coa presenza da escritora de Xove Rita Morrigan, que publicou un novo libro e firmará exemplares. Teremos tamén demostracións de corta de xamón, degustacións de varios produtos e catas de viños durante o día, as perruquerías farán tamén traballos e teremos concesionarios de coches, que tamén é un sector importante aquí. Hai actividades que aínda están por cerrar porque hai expositores que están esperando contar co apoio de casas comerciais. E o domingo para o peche da feira haberá o desfile de moda a cargo de Catycris. O sábado teremos a Roberto Vilar para inaugurar o evento xunto co alcalde e os tres empresarios máis antigos do concello de Xove, para facerlles unha homenaxe”.
 
A entrada á feira multisectorial Agora Xove será gratuíta. 
 
Os que se acheguen a Xove eses días tamén poderán saborear noutra carpa o polbo á feira que servirá Cesáreo Eijo.