O Concello de Burela pon en marcha dúas Xeorutas durante este verán, unha polo paseo marítimo da Marosa e outra polas inmediacións do porto.

O Concello de Burela pon en marcha dúas Xeorutas durante este verán, unha polo paseo marítimo da Marosa e outra polas inmediacións do porto.
 
Este mércores, 13 de xullo, arrincan en Burela as Xeorutas, un paseo pola historia xeolóxica de Galicia. Están organizadas polo Concello, a través das Delegacións Municipais de Turismo e Medio Ambiente, polo Grupo de Acción Local A Mariña-Ortegal, pola Consellería do Mar e polo Fondo Marítimo Europeo e de Pesca. 
 
A primeira ruta xeolóxica que se realizará será a que vai de Burela ata A Marosa. O día elixido é o 13 de xullo. A distancia é de 6 quilómetros (ida e volta) e a dificultade é baixa. O percorrido farase nun tempo estimado de 3 horas de 16:30 a 19:30 horas. A concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, explica que “esta xeoruta nos permitirá descubrir a orixe das rochas graníticas que atoparemos neste treito do noso litoral e tamén a súa evolución. E aproveitaremos para observar as pegmatitas, unhas rochas que en ocasións son portadoras de minerais semipreciosos e que amosan un aspecto moi chamativo”. Esta ruta xeoruta está programa tamén para os días 27 de xullo, 10 e 24 agosto e 8 de setembro. 
 
A segunda ruta xeolóxica da que poderán gozar burelaos e visitantes é a que vai desde Burela ata O Perdouro. A lonxitude é de tres quilómetros e a dificultade media. Terá lugar entre as 10:30 e as 13:30 da maña os días 20 de xullo, 4 e 18 de agosto e 1 e 17 de setembro. O edil de Turismo, Ramiro Fernández Rey, indica que “esta xeoruta permitiranos descubrir o conxunto de pregues mellor conservado de toda Galicia, unhas estruturas xeolóxicas de máis de 300 millóns de anos de antigüidade, así como os fermosos arcos naturais do Castrelo, que contrastan cos materiais da chamada rasa Cantábrica”. 
 
As Xeorutas foron presentadas hoxe polos concelleiros de Turismo e Medio Ambiente, que estiveron acompañados por Begoña Romo, qué monitora de educación ambiental no Concello burelés. Ramiro Fernández Rey e Noelia Mª Ben convidaron “aos veciños e veciñas de Burela a realizar estas rutas xeolóxicas para coñecer un pouco máis o noso concello e tamén á xente que se atope de vacacións pola zona para que se achegue ata aquí e se deixe sorprender por todo o que atopará en Burela”.
 
Ambos concelleiros subliñaron que “a nivel xeolóxico falar de Burela é falar dunha das xoias da xeoloxía galega, xa que na súa contorna atoparemos unha ampla variedade de rochas e estruturas xeolóxicas, que nalgúns casos son moi singulares e excepcionais. Estas rutas permitirannos facer unha viaxe no tempo de moitos millóns de anos”. 
 
As rutas xeolóxicas de Burela estarán guiadas polo xeólogo Francisco Canosa. As persoas interesadas en obter máis información e tamén para inscribirse poden dirixirse aos seguintes teléfonos: 982 58 60 00 (Concello de Burela) ou 982 58 11 38 (Oficina de Turismo).