O Concello de Cervo organiza a 4ª Larpeirada de ourizo de outono o 21 de novembro. Haberá magosto, concursos de postres e de debuxo infantil.

O Concello de Cervo organiza a 4ª Larpeirada de ourizo de outono o 21 de novembro. Haberá magosto, concursos de postres e de debuxo infantil.
 
O Concello de Cervo organiza para o día 21 deste mes, sábado, a cuarta edición da Larpeirada de ourizo de outono, que terá lugar en San Ciprián. Este evento inclúe magosto popular, concurso de postres elaborados con castañas e a entrega de premios do certame de debuxo infantil sobre a castaña para nenos e nenas de 3 a 11 anos, que poden presentar os seus traballos ata o día 20 na Casa da Cultura ou na Casa do Concello.
O día 21 as actividades comezarán ás 16:30 horas coa recepción na sala de exposicións da Casa da Cultura dos pratos elaborados con castañas participantes no concurso gastronómico. Ás cinco da tarde empezará na Prazoleta de San Ciprián o magosto popular amenizado polo grupo de gaitas A Rebolaxe. E ás 18 horas entregaranse os premios do certame gastronómico e do concurso de debuxo infantil.
A concelleira de Educación, Cultura e Xuventude, Dolores García Caramés, explicou que este evento “chega este ano á cuarta edición e como novidade contaremos co grupo de gaitas A Rebolaxe durante o magosto popular. Invitamos a todos en xeral, pero facemos un chamamento especial ao público infantil e xuvenil para que se anime a participar no concurso de postres. Os certames gastronómicos sempre atraen a numeroso público, que ademais de ver e degustar os pratos que se presenten tamén poderán comer as castañas do magosto. Ademais entregaranse os premios do concurso infantil de debuxo sobre a castaña na súa cuarta edición, para o que xa se enviaron as bases aos colexios do concello”.