Magosto

Etiquetas:
21/11/2023

A asociación Irmandade San Caetano, de Celeiro de Mariñaos (Barreiros), organiza un magosto para este domingo, 26 de novembro, nas escolas desa parroquia. 

As actividades empezarán ás 13:00 horas cunha sesión vermú amenizada polo grupo Condensadores de fluzo. Ás 14:00 horas comezará a comida, na que servirán empanada, bolo preñado, panceta, castañas asadas, pan, viño, refrescos e café. O prezo é de 15 euros e para participar hai que reservar antes do venres. O evento rematará cunha chocolatada.

A organización anuncia que “o domingo 26 nas Escolas de Celeiro de Mariñaos despediremos o mes de novembro cunha xuntanza das que nos gustan: comida, bebida, música e bo ambiente”.

Etiquetas:
13/11/2023

A Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo celebrará un magosto este xoves, 16 de novembro, ás 18:00 horas. Será diante das instalacións do centro educativo.

Haberá castañas asadas e actuación de música tradicional a cargo da asociación ribadense Amigos da Gaita Galega.

 

Etiquetas:
06/11/2023

A asociación de veciños Fontes Claras, da parroquia de San Pedro, no municipio de Viveiro, organiza un magosto para este sábado, 11 de novembro, a partir das 21:00 horas. Será no campo da festa, que estará cuberto cunha carpa.

Haberá castañas asadas, xamón cocido, chourizos, panceta á brasa, viño e refrescos. A música correrá a cargo dun dúo. O prezo para os socios do colectivo veciñal é de 10 euros e os que non o son teñen que pagar 15 euros.

Para asistir hai que reservar previamente a través do teléfono 628.04.12.15.

Etiquetas:
03/11/2023

A asociación de veciños Irmáns Vilar Ponte, da parroquia de Bravos (Ourol) organiza un magosto para o 11 de novembro, sábado. Será no seu local social a partir das 21:00 horas. 

Haberá cachelos, torresmos, chourizos e castañas de balde. E baile amenizado polo dúo Samba.

 

Etiquetas:
31/10/2023

A asociación Amigos da Gaita Galega, de Ribadeo, prepara un magosto para o sábado 11 de novembro a partir das 18:00 horas. Será na rúa Rodríguez Murias da vila ribadense, que está na zona coñecida como Cuatro Calles.

Os organizadores anuncian que haberá castañas, chocolate quentiño e moita música.

 

Etiquetas:
31/10/2023

A Asociación Cultural e Xuvenil O Castelo organiza o magosto que se celebrará no pavillón municipal de Alfoz o 11 de novembro, sábado, a partir das 21:00 horas.

Haberá chourizo, lacón asado, pan, castañas, viño, auga e café, ademais dunha actuación musical. Para participar hai que reservar a través dos teléfonos 657.109.592 ou 603.895.753. O prazo remata o 8 de novembro.

Para esta actividade a asociación O Castelo conta coa colaboración do Concello de Alfoz, da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.

Etiquetas:
25/10/2023

O sábado 4 novembro haberá na Pontenova unha ruta de sendeirismo con magosto. Esta actividade está organizada polo Concello e o Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) da Pontenova.

Para as 10:00 horas está programada a concentración dos participantes na Praza dos  Fornos, desde onde sairán os autobuses cara ao punto de comezo da ruta, que ten un percorrido de 9,1 quilómetros. Está previsto que regresen ás 14:00 horas á Praza dos Fornos, onde haberá un xantar a base de empanada e castañas asadas.

O prezo da inscrición é de 7 euros por participante e o prazo para apuntarse remata o 2 de novembro.

 

Etiquetas:
24/10/2023

A asociación cultural O Picato, de Trabada, organiza un nova edición do seu tradicional magosto para o 4 de novembro, sábado, ás 22:00 horas no pavillón municipal de Trabada.

Para comer haberá lacón asado con patacas cocidas, empanada de bonito e bolos preñados, ademais de castañas, que serán de balde.

O evento será amenizado polo cantante Jorge Menéndez.

Etiquetas:
23/10/2023

A asociación cultural O Pasatempo, de Mondoñedo, organiza un magosto tradicional para o 4 de novembro, sábado. Esta previsto que sexa na Praza do Concello, pero se chove trasladarase aos soportais da catedral mindoniense. Haberá castañas, viño e chocolate.

As actividades empezarán ás 17:00 horas con merenda e decoración terrorífica. Ás 18:00 farase truco ou trato de Samaín polas rúas do centro de Mondoñedo e a partir das 19:30 horas desenvolverase o magosto tradicional amenizado coa música de Os Carricantos.

 

Etiquetas:
23/10/2023

A asociación de veciños Camiño de Galdo, no municipio de Viveiro, organiza un magosto para o 4 de novembro, sábado, a partir das 21:30 horas. Será no local social do colectivo.
Haberá castañas, chourizos e xamón. E festa amenizada polo dúo Estrellas.

Para os socios da colectivo veciñal da parroquia viveirense de Galdo a participación no magosto é gratuíta e os que non pertencen á asociación organizadora terán que pagar 10 euros.