O grupo de pop rock Los Secretos actuará en Mondoñedo o 18 de outubro, dentro do programa de As San Lucas.

O grupo de pop rock Los Secretos actuará en Mondoñedo o 18 de outubro, dentro do programa de As San Lucas.
 
O presidente da Asociación As San Lucas de Mondoñedo, Miguel Souto, avanzou hoxe que o grupo de Pop Rock Los Secretos actuará na localidade no marco do programa das festas das San Lucas.
Souto explica que a banda musical ofrecerá este concerto en formato acústico no Auditorio Pascual Veiga da localidade, o día grande das Feiras, o 18 de outubro. A actuación do grupo comezará ás 19:00 horas.
Os interesados poden adquirir as entradas anticipadas a través do enlace entradas.abanca.com.  O custo de cada un dos pases que se adquiran con anterioridade é de 15 euros. A maiores, ofrécese a opción de mercar as entradas o mesmo día do concerto en taquilla por un importe de 20 euros.
Miguel Souto quixo poñer en valor a variada e atractiva programación das Feiras e Festas das San Lucas, a través da que “queremos ofrecer un cartel para todos os gustos e idades, xa que estas festas con cultura, son arte, son tradición, son vangarda e son feira e festa”. O presidente da asociación lembra que este ano As San Lucas celébranse entre os días 16 e 20 de outubro. 
Así, entre a programación xa pechada non faltarán as mellores orquestras de Galicia.  O día 16, estarán Sintonía de Vigo e Orquestra Televisión; o 17 Miramar e Claxxon; o 18 Fania e Jerusalen; o 19 Paladium e Nueva Generación; e o 20, Nueva Generación e París de Noia. 
En relación á Feira, o día grande, o 18 de outubro, centos de reses chegadas de todo o noroeste peninsular danse cita no Campo dos Paxariños. O día 17, Souto explica que “dáse un momento dentro da programación das San Lucas que causa moita expectación, unha das mellores estampas das festas, o paseo dos cabalos polas rúas de Mondoñedo”. Ao igual que na pasa edición, haberá unha pantalla xigante na Praza da Catedral a través da que se poderá ver en directo o proceso que seguen o gandeiros para reunir os animais que viven no monte e baixalos ata o centro de Mondoñedo. O mesmo día 17, en horario de mañá, será a final da Copa Galicia do concurso morfolóxico Pura Raza Cabalo Galego.