O programa de actos do festival Gadélica, de Cervo, inclúe actuacións musicais, exposicións, recitais, charlas temáticas e maxia. Será do 29 ao 31 de xullo.

O programa de actos do festival Gadélica, de Cervo, inclúe actuacións musicais, exposicións, recitais, charlas temáticas e maxia. Será do 29 ao 31 de xullo.
 
O programa de actos de Gadélica foi presentado hoxe na Casa do Concello Cervo. Este primeiro Encontro Contemporáneo e Interdisciplinar de Arte e de Cultura de Vangarda terá lugar en Sargadelos do 29 ao 31 deste mes de xullo. Haberá actuacións musicais, exposicións plásticas, recitais poéticos, charlas temáticas e espectáculos de maxia, entre outras actividades. A entrada para todos estes actos será de balde.
 
O alcalde, Alfonso Villares, manifestou que “vai ser o primeiro encontro contemporáneo e interdisciplinar de arte e de cultura de vangarda e ímolo facer en Sargadelos, lugar que foi ao longo da súa historia vangarda en moitas cousas. Xa con Ibáñez, hai máis de dous séculos, coa instalación da fundición que se puxo en Sargadelos e posteriormente tamén coas primeiras fábricas de cerámica. Anos despois seguiu sendo vangarda a través das figuras de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, que recuperaron a historia de Ibáñez e volveron poñer a Sargadelos no que hoxe en día coñecemos, que é un referente cultural galego. Por iso Gadélica tamén pretende ser en certa maneira esa vangarda que o nome de Sargadelos leva tendo a través da súa historia”.
 
O rexedor cervense engadiu que Gadélica é “un encontro que vai ter lugar desde o 29 ata o 31 de xullo e no que haberá artistas de todo tipo. Desde música electrónica distinta á que agora mesmo se está escoitando noutras partes, intentando que sexa máis contemporánea. Tamén haberá diferentes exposicións plásticas, recitais poéticos e charlas sobre distintas temáticas. Teremos ademais performances, que se efectuarán ao longo dese fin de semana e haberá distintos encontros de maxia que se verán nos distintos sitios onde imos albergar este encontro”.
 
Alfonso Villares subliñou que “haberá distintos espazos e neles todos poderemos gozar destas artes e destes eventos culturais aos que a entrada é libre, co que a achega que vai facer a xente vai ser colaborativa, coa compra de camisetas ou algún outro dos produtos que se vendan neste encontro”.
 
O alcalde concluíu comentando que “é un evento onde tamén queremos salientar o respecto medioambiental, porque pretendemos que sexa unha acena de identidade ao longo de todo este festival; que haxa un respecto medioambiental continuo, polo que teremos un tipo de vasos único e tamén recipientes para recoller as cabichas da xente que fume. Intentaremos , e ese é noso o obxectivo, que ademais de que se goce de distintos eventos culturais e diferentes achegas escénicas que se poderán ver ao longo destes dous días, tamén que haxa e se respire ese respecto cara ao medio ambiente que eu creo que tamén é necesario”.