O salón de actos do Concello de Lourenzá acollerá o 5 de abril unha conferencia sobre o adorno prehistórico e as xoias áureas na antiga Gallaecia. Tamén se inaugurará unha exposición de ourivería do Museo Provincial de Lugo.

O salón de actos do Concello de Lourenzá acollerá o 5 de abril unha conferencia sobre o adorno prehistórico e as xoias áureas na antiga Gallaecia. Tamén se inaugurará unha exposición de ourivería do Museo Provincial de Lugo.
 
O salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá acollerá o vindeiro martes, 5 de abril, unha conferencia sobre o adorno prehistórico e as xoias áureas na antiga Gallaecia a cargo da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro García. Será ás seis da tarde e a continuación da charla inaugurarase unha exposición da colección de ourivería antiga do Museo Provincial, que estará aberta na sala de exposicións municipal ata o 2 de maio e poderá visitarse de luns a venres en horario de cinco a oito da tarde.
 
A alcaldesa, Rocío López, explicou que esta mostra “está organizada polo Museo Provincial e propón unha visión completa, a través dunha serie de paneis fotográficos e explicativos, da colección de obxectos de ourivería prehistórica e antiga, fundamentalmente áurea, con mostras que abarcan dende o segundo milenio antes de Cristo ata o século VI. A maior parte son elementos que poderíamos cualificar de adorno persoal (torques, arracadas, pulseiras, brazaletes, aneis, etcétera), aínda que no contexto que nos movemos non se pode esquecer o seu carácter simbólico como indicador de riqueza, poder e status. Tamén inclúe outras pezas como tortas, lingotes e arames, que permiten, a súa vez, analizar os métodos de obtención e primeiros pasos do traballo ourive”.