Lourenzá acollerá o martes, 27 de xaneiro, unha conferencia para dar a coñecer o traballo das Forzas Armadas.

 Lourenzá acollerá o martes, 27 de xaneiro, unha conferencia para dar a coñecer o traballo das Forzas Armadas.

 

A Concellería de Educación de Lourenzá ven de organizar unha conferencia para o vindeiro martes, 27 de xaneiro , en colaboración coa Delegación de Defensa de Lugo. A charla será impartida por persoal das Forzas Armadas Españolas e cumprirá un dobre obxectivo: informar aos veciños de Lourenzá sobre cales son as labores que as Forzas Armadas están a levar a cabo por todo o mundo e fomentar o acceso dos mozos laurentinos a este corpo, promovendo unha saída laboral para a xuventude do concello. A conferencia impartirase ás 20:00 horas no salón de actos da Casa do Concello. 

A concelleira de Educación e Cultura de Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, explicou que "vimos de organizar unha charla, en colaboración coa Delegación de Defensa de Lugo, na que tratamos de difundir a labor das Forzas Armadas Españolas. Basicamente, esta charla estará enfocada cara a dous ámbitos: unha primeira parte, dirixida ao público en xeral, que versará sobre todos aqueles traballos e experiencias que as Forzas Armadas Españolas desenrolan nas distintas partes do mundo a onde chega a súa labor, tanto humanitaria coma de colaboración ou en actividades bélicas, para que o público teña coñecemento desa ampla labor que realizan as Forzas Armadas do noso país ao longo de todo o mundo. E por outra banda, unha segunda parte da conferencia que estará dirixida a un público máis novo. Neste caso as persoas encargadas de dar a charla van falar de cales son as canles ou as maneiras de acceder aos corpos das Forzas Armadas Españolas: idade, os tipos de probas que se esixen para entrar a formar parte delas, etcétera".

Para a edil de Cultura, a charla trata de cumprir un dobre obxectivo: "por unha parte que o público xeral e os veciños de Lourenzá teñan coñecemento desa labor diversa que as Forzas Armadas desenrolan en distintas partes do mundo; e, por outra, enfocar esta charla como unha saída laboral máis, á que mozos do noso concello poidan ter acceso no futuro, xa que son diversas as convocatorias de acceso ás Forzas Armadas as que se levan a cabo cada ano e, sempre e cando reúnan os requisitos mínimos para esas probas de acceso, pode ser unha saída laboral máis para a xuventude do concello de Lourenzá".