
O Centro Sociocomunitario de Mondoñedo acolle durante este mes de maio a exposición titulada Universo Vizoso, comisariada por Aser Álvarez e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A mostra reúne preto dun cento de carteis e ilustracións, que amosan a evolución creativa do artista mindoniense alén da súa traxectoria como deseñador de Sargadelos, e inclúe a súa escultura San Froilán, unha peza do Museo Provincial de Lugo que sae por primeira vez desta espazo para acompañar a itinerancia da exposición.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou na inauguración, acto no que explicou que “a mostra xurdiu como unha proposta para recoñecer e divulgar a obra de Xosé Vizoso no marco do Día da Ilustración, que se dedicou este ano á súa obra” e sinalou “a itinerancia da mostra en Mondoñedo como un recoñecemento e homenaxe á orixe, que estivo moi presente na súa traxectoria creativa a través de elementos como os cabalos”.
Ademais da obra, a exposición inclúe fotografías do arquivo familiar de Xosé Vizoso e códigos QR con ligazón a pezas audiovisuais con diversos testemuños do artista recentemente falecido.