A proba automobilística XII Subida A Pontenova celebrarase esta fin de semana, 28 e 29 de xuño

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou este luns na presentación da XII Subida A Pontenova, que se celebrará esta vindeira fin de semana, sábado 28 e domingo 29 de xuño, na Pontenova, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que anuncia: “o rally mantén o trazado habitual pola estrada LU-P-4803 entre A Pontenova e Augaxosa (Riotorto), un percorrido de 4,8 quilómetros que pasa polas parroquias de Vilameá, Rececende e Santo Estevo, con puntos especialmente atractivos para as afeccionadas e afeccionados como o paso polas curvas das Cruces e da Picota e por Vilar das Pedras. A organización ofrece servizo de transporte gratuíto para facilitar o desprazamento polo percorrido”.

A Praza dos Fornos acollerá o parque de custodia, no que se concentrarán os vehículos durante a mañá do sábado para realizar as verificacións técnicas e administrativas previas á carreira, que se disputará en catro mangas cronometradas. Dúas serán na tarde do sábado e outras dúas o domingo pola mañá.

Na presentación, que contou con representantes da Escudería A Pontenova, o Concello da Pontenova e da Xunta de Galicia, Efrén Castro reiterou “o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao deporte de motor, con colaboracións específicas como esta coa Escudería A Pontenova, para organizar os principais rallys que se celebran na provincia e con liñas de axuda como os premios para pilotos de rally ou o programa Volante Deputación” e valorou “o traballo de organización e de coordinación que hai detrás dun evento destas características”.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 7.000 euros á organización da Subida A Pontenova, cuarta proba do Campionato Galego de Montaña.