Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actuarán en Barreiros co ciclo “Polavilas no paraíso” da Vicepresidencia da Deputación

O deputado Daniel García e o músico e compositor Xabier Díaz presentaron este luns o ciclo de concertos “Polavilas no paraíso”, que o levarán actuar no concello de Barreiros. Será en San Miguel de Reinante o día 5 de outubro ás 13:00 horas.

A Vicepresidencia da Deputación explica que en Barreiros “gozarán dos concertos  que Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre están a realizar neste 2025, cun repertorio que repasa os catro discos editados desde 2015, coa pandeireta como instrumento central e o acompañamento de Adufeiras de Salitre”.

Na presentación, na que participaron a deputada provincial de Cultura, Iria Castro, e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, “destacouse a puxanza da música tradicional e da música en galego nos últimos anos e valorouse a necesidade de facer partícipe deste dinamismo a todos os públicos, alén dos circuítos de festivais e de eventos musicais, con concertos como os programadas neste ciclo, que serán gratuítos”.

O deputado Daniel García sinalou neste sentido que “Xabier Díaz é un dos grandes impulsores e referentes deste dinamismo creativo arredor da música tradicional, que facendo que a sociedade no seu conxunto mire a tradición cunha mirada nova e orgullosa, algo que celebramos especialmente neste ano 2025 coas Letras Galegas para as cantareiras”. Tamén destacou a importancia “de programar concertos desta altura en concellos pequenos a través de fórmulas de colaboración institucional, como se fai desde a Vicepresidencia da Deputación ao longo de todo ano con diferentes circuítos e programas”.

A Vicepresidencia da Deputación amplía con este ciclo de concertos o seu apoio á programación de música en galego, que “impulsa a través de distintos programas e colaboracións co tecido asociativo e cos concellos, cun duplo obxectivo, fomentar a presenza da música tradicional e dos artistas e bandas de música en galego en festivais, celebracións populares e programacións musicais e  facilitar o acceso á música en directo en todo o territorio da provincia”.