
O colectivo creado para lembrar o labor de Isaac Díaz Pardo organiza unha romaría en Sargadelos (Cervo) o día 12 de xullo, sábado.
“O grupo Isaac Sargadelos, formado por un conxunto de artistas, comerciantes e asociacións culturais e creado de forma espontánea a partir das inquietantes noticias do peche da actual fábrica de Sargadelos, quere convidar á cidadanía en xeral, a unha romaría, que terá lugar o sábado 12 de xullo de 2025 no escenario do xantar do merendeiro ao pé do Paseo dos Namorados, do conxunto histórico artístico de Sargadelos e na Sala das Carboeiras. Queremos mostrar e compartir a importancia material e emocional que supuxo e supón a fábrica de Sargadelos, tanto no eido creativo e cultural como no laboral e social”, anuncia o colectivo organizador do evento.
Tamén explican que “para divulgar o acto a nivel gráfico, contamos co cartaz deseñado por Xosé Blanco. O escenario do xantar terá unha decoración a modo de estandartes realizados por Manuel Miranda Ruíz” e engaden: “queremos facer visible a memoria da idea de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo regada de traballo incansable no desenvolvemento dun proxecto que compaxinou unha inxente actividade laboral, artística e cultural, non só na localidade de Sargadelos, como centro creador material da mesma e no complexo do Castro, senón que se espallou por toda Galiza ó resto do Estado e mesmo internacionalmente”.
Este colectivo indica tamén que o seu obxectivo “é que a cidadanía e o pobo que de maneira máis próxima aínda conserva a memoria fértil de Isaac Díaz Pardo e Mimina, poda achegarse ás experiencias vividas, e mesmo que participe de xeito individual dende a propia experiencia persoal arredor da fábrica”. E animan “ás persoas a compartir con nós a programación que imos a desenvolver o sábado 12 de xullo”.
Ás 12 do mediodía na Sala das Carboeiras farán unha introdución do que van desenvolver ó longo da xornada. Proxectarase un audiovisual titulado As miradas de Isaac, da autora Cecilia Díaz. A continuación o músico David Bellas interpretará unha composición inédita baseada nas imaxes que recompilaron sobre a vida da fábrica, divulgadas nas redes sociais baixo o nome Isaac-Sargadelos. Ás 14 horas comezará o xantar de irmandade, “no que se pretende repetir as merendadas tradicionais e familiares que se celebran en Sargadelos desde hai 200 anos, cando Ibáñez instalou aquí o pioneiro alto forno, onde cada quen traerá o que considere para comer ou beber, contando co apoio do café bar cultural A Sacabeira para aquelas persoas que non queiran cargar ca bebida. Entre o inicio do xantar e ate as 17 horas,aqueles ou aquelas que queiran libremente amenizar musicalmente a xuntanza teñen plena liberdade para facelo”.
As actividades continuará ás 17 horas na Sala das Carboeiras, onde se fará unha mesa redonda co título A fusión entre industria, arte e territorio, un modelo adiantado o seu tempo. Este acto será presentado e moderado por Roberto Pérez Vila e no que inicialmente intervirán Xosé Díaz, Camilo Díaz, Juan Carlos Enríquez e Fernando Redondo (presidente da Fundación Neira Vilas). Así mesmo “intentaremos conseguir as opinións persoais en vídeo de diversas persoas vinculadas ca fábrica como Andrés Varela, e Manuel Rivas, entre outros/as”, explican os organizadores. Este coloquio está aberto ó público en xeral e a todos/as aqueles/as que queiran intervir para contar a súa experiencia arredor da fábrica.
Pecharase o acto ás 19 horas en A Sacabeira coas actuacións especiais de Miro Casabella e o grupo Catro nun zoco, formado por Mini, Iria, Navia Rivas e a violinista Mariña Quintillán.
Tanto na Sala das Carboeiras como en A Sacabeira o acceso dependerá do aforo.