Marilar Aleixandre presenta o seu libro “As bocas cosidas” o 13 de agosto en Ribadeo

O mércores 13 de agosto ás oito da tarde na Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, terá lugar a presentación do libro As bocas cosidas, de Marilar Aleixandre.

Organizada pola asociación veciñal O Tesón, con colaboración da Casa das Letras, a Editorial Galaxia e o Concello de Ribadeo, “contará coa presenza da autora, Marilar Aleixandre, académica de número da RAG e entre outras moitas distincións Premio Nacional de Narrativa 2022 e premio San Clemente 2003, e do tamén académico, a máis de paisano, Lourenzo Fernández Prieto. Introducirá o acto Antonio Gregorio. O acto corresponderá a un formato de tipo conversa”, anuncia O Tesón, que explica: “As bocas cosidas é o último libro de Marilar Aleixandre, novelado a partir dun episodio familiar. En xaneiro de 2010 ó pai da autora pedíronlle saliva para identificar un curmán, soterrado nunha fosa común, morto en 1947, guerrilleiro comunist, e descoñecido polas xeracións máis novas da familia: sobre a guerra, as bocas estaban cosidas. Documentación e imaxinación desvelan o que as bocas cosidas non permitían coñecer, da adolescencia pasando pola súa actuación como partisano ata os campos de concentración. Unha vida envolta nunha sociedade, nunha época e nuns episodios que inclúen a fame e a represión. O texto dá voz aos ecos do pasado, nunha atmosfera impregnada do peso do silencio e da memoria”.