A Escola Municipal de Música de Burela incorpora unha nova materia, de produción musical

A Escola Municipal de Música de Burela pon en marcha este curso unha nova materia, de produción musical, “pensada para todas as persoas que desexen achegarse por primeira vez ao mundo da creación sonora. Non se requiren coñecementos previos nin equipamento profesional, aínda que se recomenda dispoñer dun ordenador para aproveitar mellor as prácticas”, anuncia o Concello de Burela, que explica: “a materia, de carácter eminentemente práctico, permitirá ao alumnado gravar varios temas ao longo do ciclo, explorando todo o proceso creativo; dende a composición e os arranxos ata a gravación, mestura e mástering. Tamén se traballará con estacións de audio dixital (DAWs), síntese, sampling, programas de notación musical, protocolo MIDI e procesamento de sinais. O obxectivo é que cada proxecto persoal sexa motor da aprendizaxe e permita coñecer de primeira man as técnicas e ferramentas fundamentais da produción”.

O encargado de impartir a materia será Adrián Arias Castiñeiras, quen “acompañará ao alumnado neste percorrido formativo, accesible a persoas de todas as idades e formacións”.

Ademais a Escola Municipal de Música de Burela celebra esta semana as súas xornadas de portas abertas, ata o 19 de setembro, “unha boa ocasión para coñecer de preto a nova oferta educativa”.

As persoas interesadas poden solicitar máis información sobre inscricións, datas e horarios no correo escolademusica@burela.org ou nos teléfonos 982.580.720 e 982.879.483.