
A programación da XXXIII Festa da Faba de Lourenzá, que se celebrará do venres 3 ao domingo 5 de outubro, inclúe actividades como degustacións e venda de fabas o sábado e o domingo, exposicións e demostracións de artesáns, showcookings, cata de viño, concentración de vehículos clásicos e varias actuacións musicais.
Os actos do programa comezarán o venres ás 19:30 horas no Claustro do Mosteiro de San Salvador coa presentación do libro titulado A Faba e Nós, de Alberto V. Serantes. No mesmo lugar ás 20:30 horas haberá unha cata de viño comentada a cargo da adega Melillas e fillos (D.O. Valdeorras); e ás 21:00 horas actuará o grupo Mar Aberto, de Foz. As actividades desta xornada rematarán cunha verbena, na que actuará o dúo Belinda e a discoteca móbil The Sound Project; será no Campo dos Bolos desde as 22:30 horas.
O sábado ás 11:00 horas abrirán as casetas dos fabeiros na Praza do Conde Santo e o stand institucional do Concello de A Fonsagrada; empezarán as demostracións e exposicións de artesáns e alimentación nas prazas e rúas da vila; a feira exposición de automoción e vehículos agrícolas no Cantón; e a XI Vespafaba & Clásicos na rúa Fernández del Riego. Tamén desde as 11:00 horas haberá pasarrúas con Souto Ximaro.
As actividades do sábado continuará ás 12:00 horas co pregón a cargo de Pepe Peinó na Praza do Conde Santo. Ás 12:30 horas terá lugar un showcooking a cargo do cociñeiro Andrés Torreiros na Praza Linares Rivas. Ás 13:30 horas haberá sesión vermú coa orquestra Alianza, no Campo dos Bolos, onde ás 13:30 horas comezará a degustación popular da Faba de Lourenzá, con viños da adega Melillas e fillos (D.O. Valdeorras) e café por cortesía do departamento de Hostalería do IES de Foz; ás 16:00 horas empezará un pasarrúas da charanga Mekánica Rolling Band; ás 17:00 horas terá lugar na Praza Linares Rivas un obradoiro infantil de cociña, a cargo de A Morena, para elaborar fajitas con fabas; ás 19:00 horas actuará o grupo Tiruleque no Claustro; e desde as 22:30 horas haberá verbena coa actuación da orquestra Alianza, o cantante laurentino Jonydasvie e The Sound Project, no Campo dos Bolos.
E o domingo ás 8:00 horas abrirá o mercado de fabas ao por maior no mercado comarcal; desde as 10:00 horas estarán abertas as casetas dos fabeiros na Praza do Conde Santo; ás 11:00 horas retomaranse as actividades da XI Vespafaba & Clásicos na rúa Fernández del Riego e comezará un pasarrúas da charanga BB+; ás 11:30 horas haberá un showcooking a cargo do cociñeiro Andrés Torreiro na Praza Linares Rivas, onde ás 13:00 horas terá lugar o Faba Bingo; ás 13:30 horas empezará unha sesión vermú co grupo La Tremenda, no Campo dos Bolos, onde desde as 13:30 horas terá lugar a degustación popular da Faba de Lourenzá, con viños da adega Melillas e fillos (D.O. Valdeorras) e café por cortesía do departamento de Hostalería do IES de Foz; ás 17:00 horas haberá un obradoiro infantil de cociña a cargo de A Morena, para elaborar galletas con chocolate, na Praza Linares Rivas; e ás 18:30 horas comezará un festival folclórico, coa Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e S.C.R. Ledicia, de Burela, no Claustro, onde tamén será o acto de clausura da XXXIII Festa da Faba.
Ademais nos bares da vila serviranse tapas elaboradas con fabas de Lourenzá e durante o sábado e o domingo un tren turístico levará aos veciños e visitantes a percorrer a Ruta das Fabas.
A organización da Festa de Faba tamén anuncia que de 18:00 a 19:00 haberá hora silenciosa, na que “as atraccións infantís funcionarán sen son para que as persoas do espectro autista ou aquelas cunha grande sensibilidade a certos sons tamén poidan disfrutar desta festa”.