Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actuarán con O Arco da Vella este domingo, 5 de outubro, en San Miguel de Reinante (Barreiros)

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actuarán este domingo, día 5 de outubro, en San Miguel de Reinante (Barreiros) dentro do ciclo Polavilas no paraíso, promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A actuación, ás 13.00 horas na pista da festa de San Miguel de Reinante, coincide coa celebración das festas desa parroquia, “un contexto elixido para achegar a música tradicional e en galego a todos os públicos”, anuncia a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O concerto contará coa participación do grupo de música tradicional O Arco da Vella, que acompañará a Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre nalgúns dos temas do repertorio, un repaso aos seus últimos catro discos - The Tambourine Man, Noró, As Catedrais silenciadas e Axúdame a sentir- que teñen a pandeireta como instrumento central.

O deputado provincial de Mocidade, Daniel García, destaca: “o concerto pecha un ciclo de actuacións que promovemos desde a Vicepresidencia da Deputación para  achegar  a todos os públicos, máis aló dos circuítos de festivais e dos grandes eventos musicais, o gran momento que vive a nosa música da man de artistas como Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que lle deron un novo pulo á tradición”

O responsable provincial comentou tamén “a necesidade de fórmulas de colaboración entre institucións e tecido asociativo para que actuacións de grande formato como esta sexan posibles tamén nos concellos máis pequenos, facilitando o acceso a cultura en todo o territorio”.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, sinalou que “será un orgullo acoller por primeira vez en Barreiros  a Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, coas que nos sentimos especialmente conectadas polas raíces barreirenses dunha das súas compoñentes, Iria Penabad” e  encadrou  o concerto na “aposta do Concello por seguir impulsando  unha axenda cultural para todos os públicos que poña en valor os nosos sinais de identidade”.

A actuación en San Miguel de Reinante completa o ciclo Polavilas no paraíso, tras os concertos de Samos e Castroverde.