Teatro, música, literatura, exposicións e obradoiros son algunhas das propostas da axenda cultural de Ribadeo para o último trimestre do ano

Teatro, música, literatura, exposicións e obradoiros son algunhas das propostas da axenda cultural de Ribadeo para o último trimestre do ano, que foi presentada pola edil Begoña Sanjurjo.

A concelleira de Cultura explicou: “preparamos unha axenda diversa para este último trimestre do ano, pensada para chegar a toda a veciñanza, desde o público infantil ata o adulto, e que combina teatro, música, literatura, exposicións e obradoiros. Queremos que Ribadeo siga sendo un referente cultural na comarca e que cada trimestre a cidadanía poida gozar de novas propostas de calidade”.

Begoña Sanjurjo contou que “durante o mes de outubro destacan as representacións teatrais da XXII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, da que xa desfrutamos a pasada fin de semana; os Seráns de Teatro nas escolas das parroquias; e diversas actividades na Biblioteca El Viejo Pancho, como o Certame de Microrrelatos Ilustrados Ano Castelao 2025 e a conmemoración do Día da Biblioteca. Este venres presentamos o libro Bon proveito, Amiguiños, que retrata 90 anos de radio en Lugo”.

A edil ribadense seguiu a relatar que “o mes de novembro chega con novas propostas escénicas e musicais, como o musical Las diosas del K-pop, o espectáculo infantil Rosalía, a pulga que escribía, o Festival de Jazz, e as Xornadas arredor da Ría de Ribadeo, dentro do programa Ribadeo Cara ao Mar. A música será protagonista na festividade da súa patroa Santa Cecilia, con concertos da Banda Municipal e da Coral Polifónica. Ademais a Biblioteca acollerá presentacións literarias e encontros culturais con autores galegos e nacionais. O penúltimo día do mes Amigos da Gaita celebrará o magosto e o último día teremos no teatro o espectáculo Na casa delas, no que o cuarteto Son de Corda xunta música e poesía”.

Sanjurjo engadiu: “xa en decembro seguiremos gozando do teatro, do Festival de Jazz e tamén teremos un concerto solidario de góspel coa formación africana Aba Taano. A programación cultural vestirase de Nadal co Festival da Escola Municipal de Música e Danza, os concertos de panxoliñas, o espectáculo Aquí como en Viena da Banda Municipal, e a festa pre fin de ano Vendaval Fest no Campo de San Francisco, que porá o broche festivo á tempada”.

Begoña Sanjurjo manifestou tamén: “queremos agradecer a participación das asociacións culturais, da Escola de Música e Danza, da Biblioteca, que fan posible unha axenda tan viva e participativa. A cultura é unha ferramenta esencial para a cohesión social e para o benestar da nosa comunidade. Esta axenda cultural do 4º trimestre pode consultarse en formato dixital na web do Concello e nos taboleiros informativos dos espazos municipais. Vémonos nos espazos culturais”.