A Fundación Expomar presenta o proxecto “Xeración Peixe”, que inclúe un congreso da infancia e da adolescencia en 2026

A Fundación Expomar presenta o proxecto Xeración Peixe, que “inclúe diferentes actividades interxeracionais e intersectoriais” e que culminará no ano 2026 coa celebración dun Congreso da infancia e da adolescencia.

A Fundación Expomar presentou este xoves en Burela o proxecto titulado Sostibilidade da actividade pesqueira e consumo responsable. Congreso da infancia e da adolescencia, que está financiado no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 e do GALP A Mariña-Ortegal.

A este acto, no que interveu a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López; o concelleiro de Mar de Burela, Ramiro Fernández, e o xerente da Fundación Expomar, José M. González ‘Brais’; asistiron representantes das entidades que forman o Padroado da Fundación Expomar, do Concello de Burela, do Galp A Mariña-Ortegal e dos diferentes centros de ensino e prestadores de servizos sociais que están involucrados no proxecto.

A presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, puxo en valor “este tipo de iniciativas que promove Expomar cara ao desenvolvemento social das vilas e pobos da Mariña, abrindo o sector pesqueiro a outros ámbitos, como o patrimonio cultural e gastronómico, e a diferentes públicos, como neste caso a mocidade”.

Pola súa banda, o concelleiro de Mar de Burela, Ramiro Fernández, fixo un repaso das principais actividades que se desenvolverán ao longo dos próximos meses dentro deste proxecto: investigación sobre hábitos de consumo de peixe, certame literario sobre o mundo do mar, elaboración dun receitario de sabores mariñeiros tradicionais, limpeza de praias e exposición de crebas mariñas e proposta gastronómica dun petisco de peixe, que se está a elaborar na Escola de Hostalería de Foz.

Xeración Peixe abrangue así unha serie de diversas actividades que afectan a diferentes sectores de actividade e a públicos de distintas xeracións: centros de ensino e centros de inclusión.

Todos os traballos realizados durante este proxecto, que comezaron xa neste mes de outubro nos centros de ensino de Burela, culminarán nun Congreso da infancia e a adolescencia, que se celebrará no primeiro semestre de 2026 e no que “se porá en valor o potencial da pesca o dos seus produtos na contorna da Mariña, non só polo que implica a nivel de alimentación, senón polo que supón no ámbito do desenvolvemento social e económico”.

Finalmente, o xerente da Fundación Expomar, José M. González ‘Brais’, destacou algúns dos obxectivos que se perseguen con este proxecto, como poñer en valor os recursos pesqueiros da contorna e promover o consumo consciente e local.

De feito, a través da celebración do Día do Peixe, que será nos primeiros meses de 2026, “incrementarase o consumo de peixe nos centros de ensino públicos, en centros de inclusión e de maiores, proporcionando a Fundación Expomar produto pesqueiro aos servizos de cociña dos centros para que fagan diferentes elaboracións para servir ás persoas usuarias; unha acción que terá un impacto en máis de 1.000 persoas da contorna”.