O Mercadillo de Nadal de Burela reunirá máis de 30 participantes esta fin de semana, sábado 29 e domingo 30 de novembro

O Concello de Burela, a través da Concellería de Cultura, organiza os días 29 e 30 de novembro, sábado e domingo, unha nova edición do seu xa tradicional Mercadillo de Nadal, que se celebrará na carpa da Praza da Mariña en horario de 10:30 a 20:30 horas.

Este evento, “consolidado como unha cita destacada do calendario cultural e social do municipio, contará este ano con máis de 30 participantes entre persoas artesás, asociacións e profesionais procedentes tanto da Mariña como doutras zonas de Galicia. Durante toda a fin de semana, o público asistente poderá atopar artesanía, decoración de Nadal, xoguetes, produtos de elaboración propia, alimentación artesanal, así como unha zona de rastrillo de segunda man, destinada a impulsar a reutilización e o consumo responsable”, anuncia o Concello de Burela.

A Concellería de Cultura subliña que “este Mercadillo de Nadal é unha oportunidade para dinamizar o centro de Burela e dar visibilidade ao talento e ao comercio local, así como promover alternativas sostibles a través da zona de segunda man. A excelente acollida da iniciativa reflíctese no número de participantes. A resposta da veciñanza foi excelente un ano máis, con máis de trinta participantes inscritos, algo que confirma que o mercadillo xa forma parte da tradición do Nadal en Burela”. Ademais  destacan que a participación supera un ano máis as expectativas, e contar con xente de dentro e de fóra da comarca enriquece o mercadillo e dálle un carácter aínda máis especial. É unha cita que dinamiza o centro de Burela e que xa forma parte das nosas tradicións de Nadal.

Durante o desenvolvemento do mercadillo, a Asociación Esperanza colaborará como entidade de apoio e coordinación no recinto, labor que o Concello agradece expresamente “pola súa implicación constante nas actividades comunitarias”.

O Concello de Burela tamén anuncia que “entre os postos participantes a cidadanía poderá atopar tamén un espazo dedicado á presentación e venda do conto infantil titulado Las amigas del espejo, obra do burelao Alejandro López Álvarez. O libro narra a historia de Emma e Lúa, dúas nenas que, a través dun espello, emprenden unha aventura que lles permite descubrir o valor de quererse, valorarse e confiar en si mesmas, alcanzando así o tesouro máis importante: a felicidade”. E invita á veciñanza e visitantes a achegarse á praza da Mariña nesta fin de semana “para gozar dun ambiente festivo, familiar e cargado de espírito navideño”.