A Mancomunidade renderá unha merecida homenaxe en Fitur ás Carolas, as primeiras turistas da Mariña

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentará o vindeiro 22 de xaneiro en FITUR A Mariña, unha viaxe á identidade, unha proposta que pon en valor o poder sanador do mar, do goce do tempo e do turismo de benestar e consciente, tendo como protagonistas ás Carolas ou Canouras, consideradas as primeiras turistas da Mariña. A finais do século XIX e sobre todo no século XX, estas mulleres procedentes dos municipios do interior da provincia chegaban ata a costa da Mariña para tomar os “baños de mar”, unha tradición que se afianzou, xa fose por prescrición médica ou por recomendación de persoas coñecidas.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, explicou que “esta homenaxe á figura das Carolas forma parte das propostas turísticas que vén desenvolvendo a Mancomunidade ao abeiro do PST e que afonda na identidade do territorio a través dos seus valores, das súas tradicións e das súas xentes. Así, avánzase na recuperación e posta en valor dunha figura  que forma parte da historia da Mariña, patrimonio inmaterial do territorio”.

Autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector terán a oportunidade decoñecer de primeira man os proxectos que se veñen desenvolvendo na Mariña no marco do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense (2022-2025) entre outras liñas de traballo,así como esta nova acción de comunicación, coa que se da un paso máis na posta en valor do territorio.

O Plan de Sostibilidade Turística na Mariña está confinanciado pola Mancomunidade de Concellos, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

A presentación oficial terá lugar, como en anteriores edicións, no stand de Galicia en FITUR (pavillón 9, parcelas 9C07/9C09, do recinto feiral IFEMA) nun acto que guiará a presidenta da Mancomunidade, Rocío López. Será o 22 de xaneiro ás 17:30 horas. 

FITUR 2026
A Mancomunidade estará presente en FITUR desde o mércores 21 de xaneiro “para manter xuntanzas con profesionais do sector e provedores de servizos, co obxectivo de comunicar os activos da Mariña, promover sinerxias e intercambiar información sobre servizos e produtos de potencial interese para o noso xeodestino”, indicou Rocío López.

A Mancomunidade contará cun espazo de información turística dentro do stand de Galicia, no que terá a disposición dos visitantes diferentes materiais corporativos, como a guía A Mariña al descubierto, o mapa turístico e os folletos de turismo ornitolóxico e xeoturismo na Mariña Lucense editados este ano, entre outros.

Un ano máis, a Mancomunidade aproveitará o espazo de promoción internacional de FITUR para dar a coñecer a súa oferta turística e, ao mesmo tempo, establecer contactos interesantes para o impulso da Mariña como territorio de referencia no sector do turismo.