O grupo amarinha.gal organiza o 10 de abril en Ribadeo unha xornada dedicada á reparación de aparellos

O venres 10 de abril ás seis da tarde no CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, terá lugar o evento XII do ciclo Soberanía Dixital, neste caso dedicado á Soberanía Tecnolóxica: Xornada de reparación.

O grupo amarinha.gal anuncia que organiza “unha actividade diferente ás anteriores do ciclo, neste caso un repair café ó estilo dos que se están a facer ó longo do mundo, para axudar a que a xente repare vellos (ou non tan vellos) aparellos de todo tipo e poda seguir desfrutando do seu uso. Trátase de incidir na práctica do dereito a reparar como compoñente dunha sociedade mellor, menos despilfarradora de recursos e máis amiga do medio ambiente e a Terra, actuando asemade para axudar a reverter o cambio climático. A actividade, gratuíta, vai dirixida a todas as persoas que podan ter interese en reparar algún aparello, para o que se tentará axudalas entre os presentes, asistidos polo grupo ESF (Enxeñeiros Sen Fronteiras). A través de ESF dispoñerase dun seguro para os asistentes. Haberá ferramentas postas a disposición polo CIFP, coñecementos variados pero limitados e boa vontade, sen que iso signifique que todo aparello que entre saia amañado. De feito, por experiencia doutros obradoiros semellantes, a taxa de reparacións está entre un de cada 3 e un de cada 4 obxectos cando os obradoiros xa teñen un certo recorrido”.

Os organizadores da actividade explican que “para facer que o obradoiro sexa manexable, necesítase facer unha inscrición, no correo info@amarinha.gal especificando nome e obxecto que se pretende amañar. Asemade ó comezo do evento encherase unha folla con datos para o seguro. É aconsellable aportar ferramentas que se considere poidan ser utis, así como pilas ou outros obxecto para substituír as partes que estean en mal estado dos aparellos a amañar. A duración máxima será de tres horas”.

Como en anteriores actividades de amarinha.gal, é aberta, coa única limitación do aforo, a todas as persoas interesadas.