O Concello de Trabada abre as inscricións para o campamento de verán e o xuvenil, que se desenvolverán en xullo e agosto

O Concello de Trabada abrirá este martes, día 12 de maio, o prazo de inscrición para participar tanto no campamento de verán como no campamento xuvenil, dúas iniciativas que volverán desenvolverse durante os meses de xullo e agosto nas instalacións municipais. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 5 de xuño. Ambos campamentos celebraranse de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas.

O campamento de verán está dirixido a nenos e nenas nacidos entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2022, mentres que o campamento xuvenil está enfocado á mocidade nacida entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2013.

Desde o Concello destacan “a elevada participación que o campamento de verán vén rexistrando nos últimos anos, consolidándose como unha das actividades máis demandadas polas familias do municipio. Ademais o campamento xuvenil celebrará este ano a súa segunda edición despois da boa acollida acadada o pasado verán”.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “continuamos apostando por actividades pensadas para os máis pequenos e para a mocidade do noso concello, facilitando tamén a conciliación das familias durante os meses de verán”. Así mesmo destacou que “o éxito do campamento xuvenil no seu primeiro ano confirma que era unha iniciativa necesaria e moi ben valorada polos participantes grazas ás actividades e ao enfoque co que se organizou”.

Desde o Concello de Trabada animan ás familias interesadas a formalizar a inscrición dentro do prazo establecido.